Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa
A Asociación Veciñal Oza/Gaiteira/Os Castros acolle unha reunión informativa da Semente Coruña
A Coruña, 28 de febreiro de 2023 – A Semente Coruña, asociación cultural sen ánimo de lucro dedicada á creación dun espazo socio-cultural e pedagóxico de inmersión en galego na contorna coruñesa, ofrece una reunión informativa sobre o seu proxecto educativo dedicado á etapa infantil (2-6 anos) esta sexta-feira, venres 3 de marzo, ás 19:30 no local da Asociación Veciñal Oza/Gaiteira/Os Castros, na rúa Mercede, 56. A reunión é aberta ao público.
A sesión contará coa presenza de representantes da coordinadora da Semente Coruña, que presentarán os piares do seu proxecto infantil: (1) o dereito de nenas e nenos a seren educados integramente na súa lingua materna, (2) o dereito a seren respectados nos seus ritmos e fomentada a súa independencia e auto-regulación, e (3) o dereito a unha educación que fomente a igualdade, e o coñecemento e respecto do medio natural e cultural propios. Seguindo a presentación, atenderán as preguntas das persoas asistentes.
A Semente Coruña naceu na cidade herculina no 2018, e desenvolve unha variedade de actividades dirixidas a grandes e miúdas no seu local, situado entre os barrios de Someso, Martinete e Birloque (r/ Alberto Garaizábal Macazaga, 7). Ademais do seu proxecto educativo infantil (2-6 anos), ofrecen, entre outras, aulas de música e baile galego, sesións de movemento e expresión corporal en familia, e un grupo de crianza en galego, alén de obradoiros e celebracións tradicionais.