As Percebeiras
A asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero considera a resolución ambiental da Xunta inxustificada
Considera inaudito e sorprendente que a propia Xunta elabore un estudo de asollamento que debería ter feito a promotora e incluído no Plan.
De aprobarse polo Concello o Plan, a Asociación estudará a alternativa de acudir á vía xudicial.
07 ene 2021
En relación coa Resolución da tramitación ambiental do Plan Especial para Percebeiras, A A.VV Francisco Rodriguez Otero de Labañou precisa o seguinte :
- A Resolución ambiental coñecida e publicada no día de onte non so contradí, sin xustificación debida, a anterior Resolución do 15 de febreiro de 2017, senón que nen sequera a menciona como antecedente, seguramente pola razón evidente que en dita Resolución do 2017 a mesma Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta resolvía someter un anterior Plan a avaliación ordinaria, mentres agora resolve o contrario.
As diferencias entre o Plan sometido á anterior avaliación ambiental, no 2017, e o que agora a Xunta lle dá súa simplificada conformidade ambiental, non teñen as diferencias de ordenación, ocupación e volume, que xustifiquen que no 2017 se obrigaba a avaliación ordinaria e agora se considera que coa simplificada é suficiente.
Se inxustificado é ese cambio de criterio entre o 2017 e o 2020, tamén resulta especialmente rechamante que a Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio, non formulase informe, pese a que se lle solicitase. Conformidade e pasividade da Xunta no trámite, nun Plan da especial relevancia, transcendencia e impacto ambiental e de ordenación urbanística como o de Labañou. - O que resulta verdadeiramente inaudito é que a Xunta lle faga o traballo á promotora. Ou o que é o mesmo, o que debería conter o Plan e non tiña, un estudo de asollamento, quen o redacta e elabora é a propia Xunta, incluíndo dito estudo como anexo á propia Resolución ambiental.
Ou sexa, a Xunta non so lle dá a conformidade simplificada ao Plan senón que lle fai á promotora parte do seu traballo. Agasallo por partida dupla da Xunta á promotora. Dalle o ok ao Plan e, por riba, faille gratis un estudo de asollamento que foi, precisamente, o que demandaba as alegacións desta Asociación.
O correcto tería sido que se resolvese a avaliación ordinaria, ordenando, entre outras cuestións, un estudo de asollamento, e que dito estudo se realizase pola promotora, e se incluise na documentación do Plan para a súa avaliación ordinaria. Pero non, a Xunta, nunha impresentable decisión, fíxolle dito estudo, sen posibilidade de que o mesmo poidese ser alegado ou contrastado publicamente.
Un estudo de asollamento, por certo, no que se constata un impacto significativo nas condicións de asollamento das vivendas próximas, durante varias horas ao día, e en especial no horario de inverno. Menos mal que a mamotretada protexerá “dos ventos fríos do norte-nordés ás vivendas existentes no dito barrio”, nunha avaliación contida na Resolución da Xunta que xa constitúe indigno pitorreo. - A Resolución ambiental é claramente deficiente, mesmo en cuestións básicas.
Por exemplo, ao mesmo tempo que se realiza un estudo de asollamento, establécese como recomendación a de que “Deberíase tamén estudar en detalle a forma de resolver a envolvente conxunta nas ordenanzas M e R, pois á vista das infografías non resulta clara a incidencia de tal solución na imaxe final da área” . Isto é, considerando que non está clara a envolvente (é dicir, a configuración volumétrica) deses bloques de edificación (precisamente os mais próximos ás vivendas de Maria Pita), sen embargo realízase un estudo de asollamento sen saber moi ben cales son eses volumes.
Un estudo de asollamento no que se computa como altura da planta baixa a nivel xeral o parámetro de 4 metros, sen decatarse que o Bloque M, o de maior altura e volume, ten unha parte del coa planta baixa a dupla altura.
E, sen ter clara esa envolvente das edificacións, non constituíu impedimento para concluír que a mamotretada non terá un impacto significativo na paisaxe e no medio-ambiente do bordo litoral urbano. - En realidade, o que recoñece a Resolución ambiental da Xunta é algo no que ven insistindo esta Asociación, na disconformidade do PXOM coas normas de aplicación directa de protección do litoral e do contorno urbano. Do cal o que debe deducirse é a necesidade de suspender a tramitación do Plan e a modificación do PXOM no ámbito de Percebeiras.
En efecto, na Resolución ambiental recoñécese expresamente a elevada edificabilidade atribuída polo PXOM, co cal “Debido ás condicións de ordenación e á área de movemento da edificación predefinidos no PXOM, con respecto á situación actual (espazo baleiro e sen arborado) os volumes proxectados producirán inevitablemente un apantallamento da perspectiva do mar e da Torre de Hércules dende a Avenida de Labañou (agás nun tramo de 24 metros) e dende o barrio María Pita... A elevada edificabilidade e outras condicións recollidas no PXOM fan que as posibles alternativas de ordenación pormenorizada sexan limitadas e complexas” .
En consecuencia, o PXOM debería ser modificado, e co obxecto de estudo de dita modificación, paralizado cautelarmente o Plan en trámite, tal e como demandou esta Asociación e reitera de novo. - Aínda que a Resolución ambiental non pode ser obxecto de impugnación administrativa ou xudicial neste momento, no suposto de que o Pleno do Concello outorgue aprobación definitiva ao Plan, a Asociación estudará a posibilidade de interpoñer a vía xudicial contra dun Plan que seguimos considerado contrario a legalidade e ambiental e urbanisticamente insostible e contrario ao interese xeral.