Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica presenta alegacións ao proxecto urbanístico de Percebeiras
María García: “A Coruña é unha cidade con 20.000 vivendas baleiras. O que precisa é rehabilitar este parque residencial e poñelo a disposición de quen o precisa, ademais de espazo público, zonas verdes e intervencións que protexan a natureza.
O PSOE tenta resucitar o peor do vazquismo”
A Coruña, 27 de Outubro de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou esta mañá un documento de alegacións ao Plan Especial Labañou M18, que prevé a construción de 371 vivendas na parcela das Percebeiras, en pleno bordo litoral. “A Coruña xa ten 20.000 vivendas baleiras segundo o INE. Non precisa ladrillazos, senón rehabilitar o parque residencial e poñelo a disposición de quen o preciso, ademais de dotarse de máis espazo público, zonas verdes e intervencións que protexan a natureza. O goberno do PSOE tenta resucitar o peor do vazquismo”, sinalou a nosa voceira, María García.
María García fixo referencia ao paseo reivindicativo organizado onte pola Asociación Veciñal de Labañou, no que “a cidadanía deixou claro que xa non vai aturar a volta ás políticas especulativas do pasado”. Desde a Marea Atlántica asinamos e apoiamos tamén as alegacións da AVV, como outras 45 entidades. Ao presentar o noso propio documento buscamos sumar forzas e esgotar todas as vías para tentar impedir o pelotazo en Percebeiras.
Impacto ambiental completo
Nas nosas alegacións solicitamos que a Xunta de Galicia ordene un trámite ambiental completo, non simplificado, e avalíe realmente a repercusión de construír en Percebeiras 12 edificios de ata 13 pisos de altura. Trátase dunha zona en primeira liña de costa, que conecta dous Espazos Naturais de Interese Local, as Illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules —ambos declarados ENIL por iniciativa da Marea Atlántica—, onde non se pode edificar sen control.
Estes bloques de vivendas serían tamén contrarios á normativa de protección da paisaxe, que ten prioridade sobre o PXOM e o planeamento urbanístico local. Non só encerrarían o barrio de Labañou, tamén alterarían a vista do litoral coruñés desde calquera punto da cidade.
María García lembrou que a previsión de construír 400 vivendas en Percebeiras nace dun plan xeral “que fixa unhas necesidades de vivenda totalmente irreais”. “A Coruña de hoxe ten unha poboación estancada e un gran parque de pisos baleiros”, engade a nosa voceira. De feito, a cidade ten unha alta densidade de poboación, froito do xeito de entender o urbanismo no pasado, o que causa problemas de contaminación ambiental, lumínica e xestión do ciclo da auga, entre outros. Construír en Percebeiras é volver repetir erros.
“Mentres os documentos estratéxicos da ONU e a Unión Europea recomendan un urbanismo centrado no acceso ao espazo público e ás zonas verdes, o goberno municipal da Coruña vai no sentido contrario, ao ditado das promotoras”, sinala a nosa voceira. Tal e como se recolle nas alegacións, o Plan Especial para Percebeiras colisiona co EIDUS, coa Axenda Urbana da UE, contra a Estratexia de Infraestrutura Verde do Concello, que o PSOE teima en ignorar, e contra todos os compromisos adquiridos na loita contra o cambio climático. Por todos estes motivos, o pelotazo nas Percebeiras debe pararse.