Dillo Ti
O Concello mellorará o acceso ao parque de Santa Margarita
O alcalde e o resto do equipo de goberno participou no Pazo da Ópera nun novo encontro Dillo ti, no que se deu conta doutras actuacións nesta parte da cidade, como as melloras que se abordan na praza de Recife ou a próxima execución dun paso de accesibilidade peonil entre a rúa José Cornide e Maestro Clavé a través de Juan Flórez
Concello da Coruña | 27/01/2018
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiras e concelleiros do goberno local participaron este sábado no pazo da Ópera nunha nova sesión do Dillo ti, un encontro coa veciñanza no que Ferreiro aproveitou para avanzar algunhas das actuacións previstas na contorna do parque de Santa Margarita. Tal e como sinalou, alí se executará "unha intervención importante nos próximos meses", coa retirada do muro que separa a zona verde da rúa Palomar para mellorar o acceso mediante a construción dunha rampla e unha conexión entre o parque e a avenida de Fisterra. Desta forma, crearase unha pequena praza nese acceso, "o que supón unha mellora do espazo público no barrio". A intervención, na que o Concello investirá 240.000 euros, servirá "para mellorar a transición entre Santa Margarita e a rúa". Así, procederase a tirar o muro que separa o parque da rúa Palomar e se mellorará o acceso cunha rampla, en substitución das actuais escaleiras, para "organizar mellor a zona" e conseguir "unha transición máis amable" entre os dous espazos. A maiores, a concelleira de Medio Ambiente, María García, adiantou que o Concello abordará a substitución dos eucaliptos existentes na zona da rúa Palomar por especies autóctonas, mentres que o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indicou que a actuación se completará con novo mobiliario urbano neste punto, "de cara a mellorar a relación do parque coa cidade e que este gañe espazo ao cemento".
Trátase, segundo destacou o rexedor, dun proxecto que completa algúns dos traballos xa desenvolvidos nas rúas da contorna, con melloras no pavimentos e as beirarrúas de Marcial del Adalid, Magistrado Manuel Artime ou Palomar, e que suman preto de un millón de euros, ou a actuación desenvolvida para ampliar o espazo da entrada do CEIP Labaca, no que tamén se realizaron obras de mellora no comedor. Do mesmo xeito, o alcalde deu conta dalgunhas das intervención xa desenvolvidas na contorna de Santa Margarita, como a reurbanización da praza de Recife, onde se melloraron o pavimento e o mobiliario urbano, e que desde este mes afronta a segunda fase das obras coa remodelación da zona infantil e as pistas deportivas, "unha intervención de 800.000 euros que mellorará moitísimo o espazo existente", con canchas deportivas e xogos infantís, "un espazo de convivencia bonito para o barrio e para a zona centro da cidade, que está necesitada de zonas de esparcemento para nenas e nenos".
Do mesmo xeito, o primeiro edil adiantou os traballos de mellora do mural de Leopoldo Nóvoa, no perímetro de Santa Margarita, "un das obras de arte urbano máis importantes de Galicia e que con esta intervención recuperará o seu esplendor". A intervención, que comezará nas próximas semanas e se prolongará un mes, terán un custe de 30.000 euros. O alcalde tamén comentou que o goberno local porá en marcha un programa de arte urbana, no que están a traballar as áreas de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Participación e Innovación Democrática, Culturas e Medio Ambiente, "para o cal xa está moi avanzado o inventariado de muros municipais dispoñibles na cidade".
Tamén Ferreiro deu conta doutras actuacións previstas nos barrios do redor de Santa Margarita, como a conexión das escaleiras da rúa de Maestro Clavé coa rúa José Cornide a través dun paso accesible para o tránsito peonil a través de Juan Flórez que permitirá dar continuidade ás escaleiras mecánicas e crear un itinerario cómodo que comunicará o centro de saúde de Federico Tapia coa parte máis alta de Falperra.
En relación coa renovación do mercado de Santa Lucía e o futuro centro de saúde que debe executar a Xunta, o alcalde reafirmou, a preguntas da veciñanza, a disposición do goberno local para "facilitar a situación" para que o barrio poida contar cun equipamento sanitario "en boas condicións, e que non sexa a costa de converter o mercado nunhas galerías subterráneas", algo no que, como recordou, o Concello e o conselleiro de Sanidade concordan. "O Sergas ten que decidir, dentro das posibilidades que temos, a dispoñibilidade para ter un centro sanitario con boas condicións, agardo que esta semana poidamos pechar estas cuestións, avanzar nas negociacións e desbloquear a situación", sinalou Ferreiro, quen recordou que o Concello ten en proxecto "un mercado en condicións, que sexa bo para o barrio e que sirva para dinamizar o comercio da contorna, ademais dun centro de saúde con boas condicións, para que a xente desta zona teña a atención que merece, e, a maiores, un equipamento cívico para o barrio". "Son as tres pezas que queremos encaixar", subliñou.
O alcalde abordou tamén, a preguntas dun veciño, a situación de dous soares na rúa Vistalegre que se atopan en estado de abandono. Como avanzou, a Concellería de Rexeneración Urbana ten contactado xa coa propietaria dos terreos, a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) neste caso, para esixirlle "que debe limpar e pechar as parcelas, que ademais, teñen a licencia caducada". Por iso, indicou que o seguinte paso será reclamar á Sareb a "reposición da legalidade" co derrube dos edificios. "Déronnos moi boas palabras, pero estaremos enriba do asunto", apuntou o primeiro edil.
O alcalde deu conta igualmente das actuacións que se están a facer para mellorar a convivencia da veciñanza nos espazos abertos nos que se pasean aos cans. Ferreiro explicou a ampliación dos espazos de esparcemento canino en Eirís, Bens e Visma, "para que sexan atractivos para os propietarios e propietarias de animais" e atallar esta "cuestión evidente de convivencia". Isto complétase cun programa de concienciación O teu can di moito de ti, que vén de poñer en marcha o Concello e a través da cal se intenta fomentar a responsabilidade cidadá na convivencia de animais e persoas no espazo público, así como o reforzo da Patrulla Verde, que depende da Policía Local, para reforzar o control e fomentar a concienciación das donas e donos de cans.