Renda Social Municipal

A Renda Social Municipal incrementou nun 60% as prestacións activas

A responsable de Xustiza Social e Coidados salienta que a porcentaxe de execución do orzamento de 2018 para dita prestación, que supera o millón de euros, ascende ao 96%, “o que dá mostra de que o goberno local está a facer o seu traballo”

A Renda Social Municipal incrementou nun 60% as prestacións activas
A concelleira Silvia Cameán presidindo unha sesión do Consello Local de Inclusión
A concelleira Silvia Cameán presidindo unha sesión do Consello Local de Inclusión

A Coruña, 8 de febreiro de 2019.- O Concello da Coruña investiu durante o pasado exercicio máis dun millón de euros na Renda Social Municipal, unha prestación económica que cubre necesidades básicas da poboación que se atopa en situación de vulnerabilidade social. A edil de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destaca a evolución desta prestación, “que permite que moitas familias da cidade poidan pagar as súas necesidades básicas para vivir con dignidade”. Desde a súa implantación concedéronse un total de 506 prestacións para unidades de convivencia radicadas no termo municipal.

No ano 2017, o primeiro exercicio completo no que se resolveron os expedientes da Renda Social Municipal, outorgáronse 188 prestacións, que chegaron a un total de 323 persoas. Durante o pasado ano, o número de rendas activas foi de 318, con 404 persoas beneficiarias, o que supón un incremento dun 60%. A concelleira sinala que os novos procedementos de tramitación implantados pola área de Xustiza Social e Coidados melloraron de forma notable os tempos de espera para a concesión de rendas sociais. Así, ao longo do pasado exercicio, e grazas ao novo sistema de tramitación con sinaturas e procesos dixitais activados, o proceso axilizouse, “o que supuxo unha redución dos tempos de espera á concesión da prestación con maior rapidez”, lembra Cameán.

En total, no ano 2018, o Concello investiu 1.095.088,84 de euros, e a súa porcentaxe de execución ascendeu a un 95,51 %. “Os datos destacan o bo funcionamento tanto desta prestación económica como da súa tramitación, e confirman o bo traballo que se está facer desde os distintos servizos municipais. Falamos dunha prestación que está a cumprir cos obxectivos propostos, como é favorecer a recuperación da súa autonomía das persoas en situación de vulnerabilidade social, ademais de avanzar cara a unha cidade máis xusta, na que o seu goberno sitúa á veciñanza no centro das súas políticas”, sinala a edil, quen lembra, que o Concello da Coruña é o municipio de Galicia con maior investimento social por habitante, superando os 105 euros anuais.

Ao fío, a edil recorda que o executivo municipal puxo en marcha un procedemento “para mellorar, de xeito continuado, a Renda Social”, a través da realización de xuntanzas con persoas beneficiarias da prestación e traballadoras municipais. “A través da súa experiencia daremos os pasos necesarios para a súa mellora”, explica a edil. “A seguinte acción será levar o asunto ao Consello Local de Inclusión, co obxectivo de acadar un amplo consenso co terceiro sector que permita enriquecer unha ferramenta fundamental para mellorar as condicións vitais básicas da veciñanza”, asevera Cameán. “O goberno da Coruña ten presente que o éxito desta prestación radica no traballo feito, desde o seu inicio, da man dos distintos servizos municipais e das entidades sociais. Este é o camiño que seguir, e no que avanzaremos, para acadar que a veciñanza da Coruña viva cun mínimo de dignidade”, apunta a concelleira.

Para máis información sobre esta prestación, pódese visitar o web municipal de Xustiza Social e Coidados http://www.coruna.gal/servizossociais ou a páxina www.rendasocialcoruna.es.

A Renda Social Municipal incrementou nun 60% as prestacións activas