Desaloxo da Insumisa
Xiao Varela apela á “colaboración e participación de toda a cidadanía no proceso para construír nas Naves do Metrosidero un equipamento clave para a mocidade e para a dinamización da Cidade Vella”
A Xunta de goberno local aprobou este luns a incoación do procedemento de recuperación posesoria da parcela de titularidade municipal e dominio público situada na antiga Comandancia de Obras
Concello da Coruña | 19/03/2018
A Xunta de goberno local reuniuse este luns en sesión extraordinaria para dar luz verde ao procedemento encamiñado a recuperar a posesión da parcela de titularidade municipal e dominio público das Naves do Metrosidero, coa fin de acometer as obras previstas e converter o espazo nun novo equipamento municipal destinado á mocidade da cidade e da área metropolitana. A reunión do executivo municipal aprobou a incoación do procedemento de recuperación da parcela así como a notificación dese acordo ás persoas que actualmente estan a desenvolver actividades na mesma. Unha vez informadas, e se así o quixesen, terán un prazo de 10 días para presentar as alegacións ou os documentos que estimen oportunos. Tras a celebración da Xunta de goberno local, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, salientou a importancia deste procedemento de cara a poder construír, dende a colaboración e a inclusión de toda a cidadanía, "un equipamento que será clave para a mocidade e que entroncará co traballo de dinamización da Cidade Vella que pretendemos abordar no primeiro semestre do ano".
"Dende o principio tivemos claro que o espazo das Naves do Metrosidero debía ser un equipamento público municipal chamado a dar oportunidades á mocidade. Agora non só o seguimos tendo claro, senón que estamos obrigados a facer que así sexa en base á lei de patrimonio das administracións públicas", indicou o concelleiro, que apuntou a que "as obras poderían comezar mañá mesmo senón houbese persoas no seu interior". Ao fío, volveu facer un chamamento "a toda a veciñanza, tamén á que está facendo uso destas instalacións neste momento, a que se sume ao proceso participativo que temos en marcha e que ten como obxectivo definir, de forma colectiva, os usos e a xestión que terá este equipamento".
O responsable municipal, que reiterou a vontade de "diálogo" por parte do goberno local cos e coas veciñas que neste momento fan uso do citado espazo, reiterou: "O que lles estamos pedindo ás persoas que están na Comandancia non é que marchen de xeito indefinido; o que lles estamos pedindo e ofrecendo é que se sumen a este proceso de deseño colectivo xa que a nosa intención é executar unhas obras que cremos que van a ser beneficiosas para o conxunto da cidadanía. Queremos que marchen neste momento para poder abordar as obras, pero que regresen logo, co resto da cidadanía, que formen parte deste proceso e que axuden e participen no deseño. O noso desexo é que sexan un colectivo máis dentro dun proceso moi amplo que xa está empezando a dar os seus froitos, xa que hai moita xente interesada, tamén usuarios e usuarias na actualidade da propia Comandancia, que pensan que este debe ser un equipamento público, de todos e de todas, destinado a dar máis espazos á mocidade", manifestou.
"Insistimos en que este é un equipamento clave, que pode dar moitas alternativas de ocio a unha parte da cidadanía que historicamente careceu de espazos. Co proxecto das Naves do Metrosidero podemos dar alternativa, e incluso cremos que no mesmo poden ter cabida moitos dos usos que se lle están a dar neste momento, pero para iso é preciso participar no proceso posto en marcha polo Concello a través da área de Participación", apuntou.
O procedemento aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local deriva da incorporación ao patrimonio municipal, o pasado xaneiro, duns 90.000 metros cadrados de solo no ámbito da Maestranza, correspondentes con 17 parcelas incluídas no convenio urbanístico que o Concello da Coruña firmou en 1984 coa, entón, Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Defensa. A principio de ano, o executivo local aprobou o acordo de cesión, por parte de Defensa, dos citados terreos á administración local, entre os que se atopan os situados na Comandancia de Obras e, até ese intre, titularidade do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED).