BNG | nota de prensa
A ausencia de membros do goberno local e da Marea impide que a Xunta Xeral de EMVSA aprobe a ampliación de capital prevista
A Coruña, a 15 de xuño de 2022. A aprobación deste punto da orde do día esixía maioría absoluta de membros da Corporación, isto é, un mínimo de 14 votos. Non puido producirse pola ausencia, entre outros, de membros do Goberno Local (3 integrantes do Executivo coruñés non acudiron á reunión) e dun integrante da Marea Atlántica.
Dáse a circunstancia de que esta ampliación de capital foi acordada polo Goberno Local e a Marea cando pactaron os orzamentos do Concello para 2022.
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, e a concelleira nacionalista Avia Veira si estiveron presentes na reunión.
O asunto non foi sometido á votación ao advertir o Goberno Local que non dispuña dos 14 votos para a Xunta Xeral de EMVSA lle dar luz verde á ampliación.
O BNG anunciara previamente que se ía abster por considerar insuficiente a ampliación de capital (o Consello de Administración de Emvsa demandara 1,2 millóns de euros e recentes estimacións situaban a cantidade necesaria para atender todas as encomendas en 1,6 millóns). Porén, por sentido de responsabilidade, o BNG mostrou a súa disposición a mudar o seu sentido de voto e, por tanto, apoiar a ampliación de capital para dese xeito permitir que a empresa afronte as encomendas que ten por diante: a abertura do Complexo Deportivo do Castrillón, a xestión de aparcadoiros (Conchiñas, Materno, Luís Seoane...), as novas necesidades de bicicoruña e o incremento nun 30% dos fondos destinados á bolsa de vivendas en aluguer.
A pesar de o BNG, por sentido da responsabilidade, ter mostrado esa disposición a mudar a súa posición da abstención ao voto afirmativo, o elevado número de ausencias fixo que non se puidese alcanzar a maioría absoluta precisa, polo que a presidenta da empresa, a alcaldesa, optou por retirar o asunto da orde do día.
“Lamentamos que a falta de previsión do Goberno Local teña impedido que a ampliación de capital, por máis que a consideremos insuficiente, non se levase hoxe a efecto. As encomendas que ten a empresa son relevantes. Agardamos que en futuras ocasións o Goberno Local saiba estar á altura das circunstancias e das súas responsabilidades”, afirma Jorquera.