Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica pecha a súa Marea Viva preparada para afrontar o reto das eleccións municipais de 2023
O acto de clausura contou coa asistencia dun centenar de persoas, coa presenza de organizacións políticas irmás e do tecido asociativo coruñés
A Coruña, 5 de xuño de 2022.- A Marea Atlántica celebrou hoxe a clausura da Marea Viva 2022, cun acto organizado en Palexco ao que asistiron case un centenar de persoas, entre elas representantes de organizacións políticas irmás e do tecido asociativo coruñés. Cos documentos aprobados hoxe pola maioría da mareancia, a Marea reforza o seu compromiso co municipalismo, coa loita por unha Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática. E anuncia a inminente posta en marcha das primarias, con listas abertas, para escoller a candidatura coa que nos presentaremos ás eleccións municipais de 2023.
O acto contou con intervencións do exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, da voceira municipal, María García, e das voceiras da Coordinadora da Marea Atlántica, Rodrigo Gil e Marta Cortacans, que ofreceron os resultados da votación celebrada esta fin de semana. Os documentos sometidos a debate foron aprobados, cun apoio entre o 96% e o 84% de votos favorables. Estes textos normativos foron consensuados e discutidos no seo da organización durante mes e medio, e incorporan as diversas achegas e emendas trasladadas pola mareancia no proceso.
Na súa intervención, Xulio Ferreiro salientou que nesta Marea Viva, "volvemos demostrar que se poden facer as cousas de xeito democrático, nunha organización que se basea na participación, no debate e no colectivo. Igual que demostramos que se pode gobernar doutro xeito, e tamén facer oposición doutro xeito, cumprindo os compromisos éticos e a palabra dada”.
Ferreiro afirmou que "a Marea segue a ser xa non necesaria, imprescindible. Porque é a única forza política que actúa non pensando no rédito electoral, senón no beneficio da xente da Coruña. Temos claro que a cidade non é un parque de atraccións, non é un territorio para facer caixa e encher uns poucos petos. A cidade só se pode pensar para mellorar a vida da veciñanza. Desde os peiraos ata a área metropolitana”.
A acto acudiron Benito Portela, alcalde de Sada por Sadamaioría Martiño Noriega, exacalde de Santiago; Marta Lois, voceira municipal de Compostela Aberta e o concelleiro Xan Duro, Antón Sánchez, exdeputado e portavoz nacional de Anova, entre outras representantes políticas e do tecido asociativo.
No outono coñecerase a candidatura da Marea Atlántica
A organización afronta unha renovación radical, tras coñecerse que non repetirá ningún dos cargos electos que nos representan en María Pita este mandato, pois a maioría cumpren o límite de oito anos na institución que establece o noso Código Ético. Pero esta remuda non demorará: o proceso de primarias comezará antes do verán, coa escolla do Órgano de Arbitraxe electoral.
En xullo e agosto abriranse espazos de deliberación e conformación das candidaturas, para realizar a campaña e votación das primarias tras o verán. Poderá presentarse calquera persoa que asine o manifesto da Marea Atlántica, presente os avais necesarios (quince para a cabeza de lista, cinco para o resto) e cumpra o Código Ético. No outono, coñeceranse as 10 primeiras persoas da lista electoral da Marea Atlántica, que xa comezarán a traballar no programa e na colaboración coa cidade.
María García, no seu discurso de hoxe, explicou que “o doado é a continuidade, a inercia, pero o fácil pode que non sexa o mellor. A Marea Atlántica non adoita escoller a opción máis cómoda, senón a necesaria. Temos unha proposta política ambiciosa e recoñecible, temos experiencia no goberno e na oposición e o máis importante: temos un grupo humano envexable. Non paramos, mañá seguimos traballando, nas primarias e no futuro programa de goberno”.
Como sinala o regulamento para a Elección da Lista Electoral aprobado hoxe, “afrontamos un reto, pero tamén unha oportunidade: a de ampliar o equipo de persoas activas na primeira liña, incorporar perfís que acheguen enerxía e ideas innovadoras, intensificar a interlocución coa rúa e os movementos cidadáns, sen esquecer a experiencia destes anos”.
Programa participativo
A Marea Atlántica tamén renova o seu compromiso coa elaboración dun programa participativo, escoitando as necesidades da veciñanza e procurando traducilas en iniciativas políticas. Porque nun momento de retroceso democrático, no que o goberno local do PSOE eliminou boa parte das ferramentas de participación cidadá postas en marcha no pasado mandato, desde o municipalismo queremos ter as portas abertas de par en par ao sentir da Coruña.
Porque, como sinalaron Marta Cortacans e Rodri Gil ao comezo do acto, dirixíndose ás asociacións e colectivos presentes, “unha cidade non é o seu goberno nin as súas elites, unha cidade é a súa xente, a rede de persoas que se organizan polo ben común, para coidar as unhas das outras, como facedes vós nos vosos eidos”. E engadiron que “desde a Marea Atlántica, humildemente, tamén nos sentimos parte desa rede e queremos agradecérvolo, co máximo respecto pola vosa independencia”.
Deste xeito, a elaboración do programa electoral da Marea Atlántica comezará por escoitar a quen mellor coñece o pulso da cidade: as entidades sociais que traballan para mellorala cada día. Nunha serie de Mesas de Programa recolleranse as súas propostas.
Fronte á viraxe conservadora, unha Marea Atlántica decisiva
Como se sinala no Documento Político aprobado hoxe, "a cidade verde, xusta, feminista e democrática que queremos necesita unha Marea Atlántica forte, viva, presente”. Necesita da organización que mudou o paso do debate portuario, que lanzou a Renda Social Municipal, que impulsou a gratuidade das escolas infantís na Coruña e que logrou un reforzo das políticas de vivenda, transición enerxética, coidados e saúde mental nos orzamentos en vigor no Concello da Coruña. E nun escenario de viraxe conservadora sen maiorías absolutas, como o que debuxan as enquisas, a Marea Atlántica seguirá a ser decisiva para defender o ben común.
Tamén se renovaron, aínda que sen cambios substanciais, os documentos de Estrutura da organización, Código Ético e Forma de Goberno, que se mantenen fieis aos principios fundacionais da Marea Atlántica. Mantemos a limitación salarial dos nosos cargos públicos, un máximo de 40.000 euros brutos anuais, doando o resto para financiar iniciativas como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela de Proxectos. E tamén o máximo de dous mandatos consecutivos na representación institucional.
A Marea Viva é a principal ferramenta da Marea Atlántica para a revisión e mellora das súas normas internas e procedementos, que se actualizan periodicamente como corresponde a unha organización viva e activa. Desde 2014 cumpriuse o mandato de celebrar unha Marea Viva cada dous anos, mesmo durante a pandemia, pois o debate, o intercambio de ideas e a análise da situación política son parte intrínseca da Marea Atlántica.