BNG | nota de prensa
Avaliación do grupo municipal do BNG sobre a aprobación do programa Mover os Baixos por parte da Xunta de Goberno Local
A Coruña, a 21 de novembro de 2022. Esta proposta, coa denominación programa específico de dinamización do comercio cunha bolsa de baixos comerciais en réxime de aluguer, formaba parte do acordo de investidura subscrito entre o PS de G – PSOE e o BNG a inicio de mandato.
Ademais, en decembro de 2019, o Pleno aprobou unha moción do BNG na que se instaba o Goberno local á “creación dun banco de locais baleiros co obxecto de ofertalos en aluguer a prezo taxado, integrado tanto por locais de titularidade municipal como por locais de particulares que os poñan a disposición do banco para labores de intermediación”.
De feito, xa existía unha dotación nos orzamentos de 2020 para inicar a posta en marcha deste programa.
En todo caso, enfatiza o noso voceiro e candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, “discrepamos de como xestionou o Goberno municipal até agora este asunto. Limitouse, como primeiro paso, a encargar a unha consultora un estudo dos baixos baleiros existentes na cidade cando xa unha asociación empresarial da Coruña fixera un informe ao respecto e o puxera a disposición do Goberno Municipal”.
“Tendo en conta os precedentes agardamos que o acordo adoptado pola Xunta de Goberno non sexa un simple acto propagandístico e serva para a posta en marcha real desta iniciativa, se ben, dado o avanzado do mandato non terá concreción no que resta do mesmo”, conclúe Jorquera.