Marea Atlántica | nota de prensa
Xan Xove incorpórase á Coordinadora da Marea Atlántica tras ser ratificado en primarias como candidato á Alcaldía nas municipais de 2023
A lista electoral presentarase publicamente este sábado, 12 de novembro, nun acto aberto ás 12 da mañá na Fundación Luis Seoane, con Xulio Ferreiro, María García e a candidatura ao completo
A Rede da Marea Atlántica, a nosa asemblea, vén de proclamar formalmente os resultados das primarias celebradas entre o 5 e o 7 de novembro, que ratifican a Xan Xove como candidato á Alcaldía da Coruña nas eleccións municipais de 2023, xunto coas persoas que ocupan os dez primeiros postos da nosa lista electoral. Como parte deste proceso, ademais, Xove pasará a formar parte da Coordinadora da Marea Atlántica, o órgano que se ocupa das tarefas do día a día da organización.
O candidato agradeceu o apoio recibido e asegurou que asume “ilusionado o reto de recuperar o Concello da Coruña para un proxecto imprescindible e insubstituíble, o da Marea Atlántica, que seguirá a facer unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática”.
Xan Xove é natural da Agra do Orzán e veciño de Labañou, vencellado a esa parte da cidade que vertebra a liña 14 de autobus. É titulado en Traballo Social, carteiro e delegado sindical en Correos. Foi deputado no Parlamento de Galicia na pasada lexislatura.
Participou na loita contra o servizo militar obrigatorio, na defensa da lingua e a cultura galegas, en movementos ecoloxistas Nunca Máis e a Burla Negra, as Marchas da Dignidade, o 15M, o asociacionismo veciñal e participa na Marea Atlántica desde 2014. No eido cultural, foi compoñente de históricas bandas de rock galego.
A candidatura ao completo presentarase publicamente este sábado, 12 de novembro, ás 12 da mañá, na Fundación Luis Seoane. Trátase dun acto aberto e contará coa participación de Xulio Ferreiro, ex-alcalde da Coruña, e María García, voceira do noso grupo municipal.
Resultados das primarias
Os dez primeiros postos da lista electoral da Marea Atlántica para 2023 manteñense na orde proposta pola candidatura ás primarias:
- Xan Xove: Candidato á Alcaldía. Carteiro, delegado sindical en Correos, activista e músico. E-xdeputado no Parlamento de Galicia.
- Beatriz González de Canales: Enfermeira na UCI do Hospital da Coruña e socia da radio comunitaria CUAC FM desde 1996.
- Rodri Gil: Educador social e responsable da Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica. Activista pola Renda Básica.
- Chiqui García: Arquitecta e asesora no goberno de Xulio Fereiro e no grupo municipal actual. Foi parte da xunta directiva do COAG.
- Victoria Mejuto: Auxiliar de enfermería e implicada na Asociación Sociocultural Campo da Pena de Palavea.
- Javier Pérez: Profesor no ensino secundario e defensor do ensino público. Candidato na lista de Xulio Ferreiro en 2019.
- Marta Cortacans: Deseñadora gráfica e directora de arte, especializada en cultura, moda e cinema.
- César Pena: Deseñador especializado en usabilidade en internet. Tenente de alcalde en Mugardos no pasado mandato.
- Carmen Villar: Sindicalista e traballadora en CCOO. Asesora do goberno de Xulio Ferreiro en Servizos Sociais.
- Alfonso Mascuñana: Xubilado, voluntario internacional, integrante do Movemento Galego en Defensa das Pensións.
Os seus perfís en detalle poden consultarse aquí.
Os resultados das primarias son os seguintes.
- Votos pola candidatura de Xan Xove: 93
- Votos en branco. 3
- Total de votos emitidos: 96.
Conforme ao regulamento de Primarias, os resultados provisionais déronse a coñecer o martes 8 de novembro, tras o que se abriu un prazo de alegacións de 48 horas, que concluiu sen que fose presentada ningunha solicitude. Os resultados definitivos, idénticos aos provisionais, foron proclamados na Rede celebrada este xoves 10 de novembro de 2022.