BNG | nota de prensa
O BNG diríxelle unha pregunta ao goberno local sobre a regulación dos toldos na Cidade Vella
A xuízo do grupo municipal do BNG, a normativa municipal sobre os toldos dista moito de estar desenvolvida dunha maneira clara e transparente.
A Coruña, a 14 de maio de 2022. De feito, recentemente este grupo municipal coñeceu que varios locais da Cidade Vella foron “apercibidos pola ausencia de normativa”, afirma Avia Veira na exposición de motivos dunha pregunta por escrito que lle acaba de encamiñar ao Goberno Local.
En teoría, a Ordenanza reguladora da instalación de terrazas no uso do espazo público recolle algunhas características ás que se teñen que axustar os toldos. Alén diso, estes elementos, cuxa regulación xenérica vén marcada no Plan Xeral de Ordenación Urbana, precisan dunha regulación específica a través de proxectos ad hoc.
Así, no Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella indícase, artigo 47, que os elementos do mobiliario urbano como os toldos serán regulados a través da redacción de normas específicas, os chamados proxectos de normalización dos elementos do espazo urbano.
É por isto que Avia Veira quere saber se o Goberno Local elaborou e tramitou xa un proxecto específico para a Cidade Vella. No caso de que aínda o estea a elaborar, a concelleira nacionalista pídelle ao Executivo coruñés que se poña en contacto “co tecido económico da Cidade Vella” para “poñelo en común”. “Cando ten pensado levalo á Xunta de Goberno Local?”, inquire.
E no caso de que non o elaborase, Veira quere saber as razóns da inacción nesta materia.
“Hai un ano que o Grupo Municipal do BNG rexistrou un rogo oral”, relata a edil nacionalista, “solicitando que se elaborase un Proxecto de Normalización dos Elementos do Espazo Urbano na Cidade Vella en diálogo co seu tecido económico”.
“En decembro de 2021, o Goberno Local avanzou que aprobaría ese proxecto en datas próximas, mais aínda estamos á espera da materialización dese anuncio”, conclúe Veira.