Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama a posta en marcha do programa Mover os Baixos para afrontar o problema dos locais baleiros

O Orzamento 2022, aprobado grazas a un acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local, reserva tres millóns de euros para reactivar locais sen uso, pero aínda non comezou a executarse
A Marea Atlántica reclama a posta en marcha do programa Mover os Baixos para afrontar o problema dos locais baleiros

Os informes do Concello sinalan que hai, polo menos, 451 baixos baleiros na cidade da Coruña

A Coruña, 16 de maio de 2022.- A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que comece canto antes a posta en marcha do programa Mover os Baixos, incluído nos Orzamentos 2022 grazas á iniciativa do noso grupo, e pensado para recuperar os locais comerciais sen uso nos barrios da Coruña e dinamizar os servizos de proximidade. Mover os Baixos está dotado con tres millóns de euros, e inclúe liñas de axuda para o alugueiro e a compra de locais por parte do Concello, pero aínda non comezou a executarse. 

O mapa interactivo do Concello localiza, polo menos, 451 baixos baleiros na cidade da Coruña, a maioría repartidos entre a Agra do Orzán, Ventorrillo, Os Mallos e Monte Alto. É unha cifra que amosa unha mellora con respecto do ano pasado, pero que segue a requirir atención por parte das institucións públicas. Como ten sinalado a nosa voceira, María García, “cada local sen uso significa menos emprego, menos servizos nos barios e deterioro do espazo público”.

Tres liñas principais de actuación

Por iso, a Marea Atlántica puxo sobre a mesa a iniciativa Mover os Baixos, que se incorporou ao acordo para a aprobación dos Orzamentos 2022, e que conta con tres liñas diferenciadas:

  • Banco de baixos en aluguer: crear unha bolsa pública de locais dispoñibles, con prezos razoables e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias.
  • Compra de locais por parte do Concello, a través dun concurso público, para transformalos en equipamentos públicos de proximidade, sobre todo naqueles barrios con menos servizos. Por exemplo, a creación dunha rede de aparcamentos para bicicletas. 
  • Axudas para a implantación de actividades de interese social nos barrios. Unha liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Ademais do comercio, terían cabida as perruquerías, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, etc.

 

A Marea Atlántica reclama a posta en marcha do programa Mover os Baixos para afrontar o problema dos locais baleiros