Hortas urbanas
O BNG esixe claridade sobre o futuro das hortas urbanas da Agra do Orzán, afectadas pola urbanización en San Pedro de Visma
A Coruña, 29 de agosto de 2024 - O BNG, a través da súa concelleira Mercedes Queixas, fixo público o seu interese polo futuro das hortas urbanas da Agra do Orzán, que deberán deixar de estar dispoñibles para o cultivo a partir do 30 de setembro debido ás obras de urbanización do sector 2 de San Pedro de Visma.
Queixas recolle a inquietude das persoas usuarias destas hortas, que levan anos traballando nestes espazos, ante a ausencia de información por parte do Goberno Local sobre cal será o novo emprazamento destas hortas e cando estarán listas para o seu uso. "A preocupación da veciñanza usuaria destas hortas radica na falta de información por parte do Goberno Local a respecto de cal vai ser o novo emprazamento e cando estará dispoñíbel para o seu uso," indicou Queixas nunha pregunta por escrito dirixida ao Goberno municipal.
Ademais de solicitar claridade sobre o futuro emprazamento destas 118 hortas urbanas, a concelleira do BNG pregunta tamén se o Goberno local valoraría a posibilidade de que se poida continuar traballando na actual localización das hortas mentres non avancen as obras de urbanización. Esta cuestión xorde da preocupación dos usuarios, que temen ver interrompida unha actividade que consideran esencial para o seu benestar e a vida comunitaria do barrio.
O BNG insiste na necesidade de que o Goberno local ofreza unha resposta clara e rápida para garantir que a comunidade afectada poida continuar coas súas actividades de cultivo sen maiores interrupcións.