BNG | nota de prensa
O BNG lanza un vídeo para denunciar que os orzamentos da Xunta para 2021 lle viran as costas á cidade en plena pandemia
A Coruña sae perdendo con este Goberno Galego, que destina á nosa cidade só 1,8 por cento de todo o investimento territorializado cando representamos 9% da poboación galega e 10% do PIB do país
A Coruña, a 14 de decembro de 2020.- Un vídeo que acaba de lanzar o BNG da Coruña -9 planos e apenas 46 segundos de duración- bastan para mostrar que os orzamentos da Xunta da Galiza lle volven virar as costas á Coruña, e desta vez en plena pandemia.
As cifras son incontestábeis: nas súas contas para 2021 a Xunta vai destinar un total de 2.502 millóns de euros en investimentos para todo o país. Pois ben, desa cifra só virán 47 millóns de euros para a nosa cidade, o que apenas representa o 1,8% do total. O abandono é evidente, se temos en conta que A Coruña supón o 9% da poboación galega e por volta do 10% do PIB da Galiza.
No vídeo, vese como a Xunta perde cando xoga a jenga cos seus orzamentos para A Coruña. Por moita propaganda que lle bote Feixóo, o Goberno galego non é quen de evitar que a torre se veña abaixo, como produto da súa desatención ás nosas necesidades, desde a saúde (a marxinación da atención primaria) até a ausencia absoluta de estratexias reindustrializadoras pasando pola falta dunha política de vivenda pública digna de tal nome.
É especialmente preocupante a situación dos centros de atención primaria e no vídeo preguntámonos como, con estes orzamentos tan raquíticos, van dar atendido a campaña de vacinación masiva da COVID.
Tentaremos que a torre da jenga non caia coa presentación dun paquete de emendas parciais que daremos a coñecer nos próximos días, tal e como fixemos cos orzamentos xerais do Estado.