BNG | nota de prensa
O BNG leva ao pleno unha moción para “aproveitar ao máximo” o potencial turístico da cidade
Nos períodos de maior afluencia de persoas visitantes cómpre reforzar o servizo de limpeza e recollida de lixo, aumentar a oferta do bus urbano.
O BNG defende a regulación das vivendas de uso turístico e pór en valor a condición da Coruña como “cidade picassiana” e “cidade rosaliana”
A Coruña, a 7 de setembro de 2022. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai levar ao Pleno deste xoves 8S unha moción para “aproveitar ao máximo o potencial turístico da Coruña”, corrixindo “unha serie de feblezas e carencias” que marcan as políticas seguidas desde o Concello nesta materia.
O obxectivo final é pór en valor todas as potencialidades da cidade como cidade apetecíbel para ser visitada, mais ao mesmo tempo desenvolver un modelo de turismo sustentábel “compatíbel co benestar de todas as persoas que vivimos na Coruña”.
“A experiencia destes meses posteriores á pandemia permitiu constatar a grande potencialidade da Coruña en materia turística. Mais permitiu constatar tamén unha serie de feblezas e carencias que é preciso corrixir para tirar desas potencialidades todo o proveito”, afirma Jorquera.
Así, na moción enuméranse unha serie de medidas para “corrixir os problemas que se suscitaron ao longo do verán”. Medidas como o reforzo dos servizos de limpeza e recollida do lixo –dado que no período estival prodúcese un grande medre do número de turistas- ou a intensificación das frecuencias das liñas de buses, co ampliación do seu horario, o incentivo do transporte público urbano tamén para as persoas visitantes e a habilitación de aparcadoiros disuasorios.
Propón o BNG tamén regular as vivendas de uso turístico, de modo a limitar o seu impacto sobre a oferta de moradas en aluguer e o seu encarecemento. “Hoxe na Coruña hai máis vivenda en aluguer para uso turístico do que para a residencia habitual, un factor que contribuíu para que o prezo dos alugueres acadase na nosa cidade máximos históricos”, remarca Jorquera.
Máis medidas: mellorar a protección e divulgación da Torre de Hércules e a súa contorna e pór en valor a condición da Coruña como “cidade picassiana” e “cidade rosalian”.
“En 2023 fanse 50 anos do falecemento de Pablo Picasso e, sinceramente, non comprendemos a autoexclusión da Coruña da celebración conxunta desta efemeride co resto das cidades picassianas”, resalta o voceiro nacionalista.
E, por último, subliña o BNG que “é necesario diversificar a oferta a partir do aproveitamento dos recursos naturais e patrimoniais da comparca coruñesa, visando a desestacionalización da actividade turística”.