Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica insta ao goberno local a presentar a candidatura da Coruña como sede da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial
Santiago e Ourense xa se ofreceron como sede desta nova axencia
A Marea Atlántica quere reclamarlle ao goberno municipal que presente formalmente a candidatura da Coruña como sede da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. “Trátase dunha oportunidade para asentar un polo de innovación na cidade e fortalecer o sector tecnolóxico, que xa é unha referencia en toda Galicia”, sinala María García, a nosa voceira municipal. O martes, o Consello de Ministras iniciou o proceso de selección para escoller onde se situará a axencia. Santiago e Ourense xa presentaron as súa candidaturas, e A Coruña non debería perder a oportunidade de facer o mesmo.
Esta nova axencia conta con cinco millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado, e ten como cometido supervisar os usos da intelixencia artificial e minimizar os seus riscos, fomentando no proceso un ecosistema de investigación e proxectos empresariais. Situala na Coruña sería beneficioso para a cidade, que arrastra un grave déficit de investimento do Estado, e para a propia axencia, que se beneficiaría dun sector tecnolóxico forte e consolidado. E tería un espazo evidente dentro da Cidade das TIC.
“Durante o mandato de Xulio Ferreiro, este tipo de equipamentos estaban previstos na idea do Distrito do Mar, que se deseñou para os peiraos de San Diego. E recollidos na Estratexia Metropolitana de Innovación que, coma o resto do proxecto metropolitano, foi lamentablemente abandonada polo executivo de Inés Rey. Agardamos que non caian tamén no erro de ignorar a posibilidade de albergar unha nova axencia estatal”, explica María García.
Lembremos que, segundo datos do propio sector, A Coruña concentra o 55% do emprego tecnolóxico en Galicia, con máis de 500 empresas rexistradas na cidade, e cunha Facultade de Informática de referencia e implicada na creación de proxectos innovadores. O desenvolvemento tecnolóxico non só crea postos de traballo de calidade, senón que resulta decisivo para afrontar problemas como a democratización do acceso á información ou a loita contra o cambio climático.
Coa aposta do goberno do Estado pola descentralización das sedes institucionais, Galicia ten posibilidades moi reais de acoller a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial, grazas ao apoio da Amtega e de máis de 40 empresas. Procúranse cidades con un forte ecosistema relacionado coa investigación tecnolóxica e as intelixencias artificiais, unha descrición coa que A Coruña encaixa perfectamente. Por iso instamos ao goberno local a dar un paso adiante.