Consumo
O BNG mantén unha reunión de traballo con Acouga
Francisco Jorquera: "É un disparate que un país excedentario en produción enerxética, onde cada veciño ten preto da casa unha torreta de alta tensión, esteamos falando de que empresas como Alcoa poden pechar polo prezo da luz; por iso o BNG está facendo unha campaña sobre electricidade, sinalando tamén as consecuencias dunha fiscalidade tan alta"
A Coruña, 27 de novembro de 2018. Unha delegación do BNG composta por Francisco Jorquera, candidato á alcaldía á Coruña, e Noa Presas e Xose Luis Rivas "Mini", deputados no Parlamento galego pola formación nacionalista, mantiveron esta mañá un encontro coa Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, ACOUGA, para estreitar os lazos de colaboración en asuntos de vital importancia para A Coruña e Galiza, como son o prezo da luz, o incremento das peaxes nas autoestradas, os prezos abusivos da electricidade e dos carburantes, a concentración bancaria ou as consecuencias da Mina de Touro.
Deste xeito, e durante o desenvolvemento da reunión, o candidato á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera sinalou que "é un disparate que un país excedentario en produción enerxética, onde cada veciño ten preto da casa unha torreta de alta tensión, esteamos falando de que empresas como Alcoa poden pechar polo prezo da luz; por iso o BNG está facendo unha campaña sobre electricidade, sinalando tamén as consecuencias dunha fiscalidade tan alta".
Así mesmo, Jorquera tamén lamentou a "perda de referencialidade que tivo A Coruña como sede financeira ao perder o país músculo financeiro coa venda, a prezo de saldo, do que na actualidade é Abanca" e sinalou as consecuencias de que haxa hoxe "máis concentración bancaria en Galiza do que a media europea ou estatal, que xunto co desfase entre créditos e depósitos contribúe a que hoxe aumente a exclusión financeira das persoas e da pequena e mediana empresa".
Doutra banda, tanto o candidato á alcaldía, como os deputados do Parlamento de Galiza trasladaron a posición do BNG de rexeitamento dos incrementos de peaxes anunciados que a xuízo da representación nacionalista "terían consecuencias graves para o país ao sumarse á gran estafa que supón a AP9 e restaría competitividade ao supoñer un incremento no custo das exportacións".
Por último, a delegación nacionalista agradeceu a ACOUGA o seu tempo, facendo unha valoración moi positiva do encontro e do traballo que fai a asociación na defensa das e dos consumidores e comprometeuse a trasladar socialmente e ás institucións as demandas trasladadas da óptica do consumo.