A Coruña
Pleno infantil
O Salón de Plenos municipal acolleu onte a celebración do pleno infantil, que organiza Unicef, e no que participaron máis de 60 nenos e nenas dos CEIP Juan Fernández Latorre, Manuel Murguía, Víctor López Seoane e o CPR Santo Domingo, así como o alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán.
Ferreiro manifestou diante dos e das escolares a necesidade de que a cidadanía incida directamente nas políticas locais a través da participación. "Tamén vós, mozos e mozas, xa que dende pequenos tendes que ser conscientes das vosas obrigas dentro da sociedade, pero tamén dos vosos dereitos, da vosa capacidade de decidir sobre o que vos atinxe. Hoxe tócavos a vós opinar, participar, e facervos escoitar. O encargo que tendes non é pequeno e que que vós, mozos e mozas da Coruña, seredes as encargadas de que, no día de mañá, esta sexa unha sociedade máis xusta e máis igualitaria", dixo o rexedor, que lembrou tamén a obriga que as persoas adultas teñen á hora de proporcionar ferramentas aos e ás nenas para lograr ese obxectivo.
Os e as rapazas que participaron no pleno, no que tamén interveu a presidenta do Comité Galicia de Unicef, Myriam Garabito, deron lectura á carta das cidades educadoras con motivo do seu día internacional, que se celebra o 30 de novembro. Neste sentido, a edil de Xustiza Social salientou os grandes retos da educación para este século, entre os que citou o aumento no investimento, promover condicións de igualdade e construír unha sociedade do coñecemento sen exclusións.