Mobilidade

Crunia propón usar bicis para o traslado de documentación entre as sedes de Xustiza na cidade

Roberto Rilo, presidente da asociación, presentou a proposta a dous representantes do Partido Popular na Xunta e no Concello.

Crunia propón usar bicis para o traslado de documentación entre as sedes de Xustiza na cidade
Bicicletas Coruña. Bicicoruña
Bicicletas na Coruña.

A Asociación de Ciclistas Crunia segue moi activa na reclamación de medidas a favor da seguridade dos usuarios (ver aquí e aquí) e na promoción da bicicleta como medio de transporte (ver aquí). A última achega de Crunia concretouse a semana pasada nun encontro entre Roberto Rilo, presidente de Crunia, Ovidio Rodeiro, Delegado Territorial de Xustiza da Xunta de Galicia, e Begoña Freire, Concelleira do Partido Popular na Coruña.

Crunia presentou aos representantes do PP unha proposta para que o traslado de expedientes entre os edificios xudiciais da cidade da Coruña se realice utilizando bicicletas.

Unha vez rematada a nova sede da Audiencia Provincial na antiga Fábrica de Tabacos, a “Ruta da Xustiza” da Coruña redúcese a catro localizacións: Tribunal Superior de Xustiza, Audiencia Provincial. Rexistro Civil e Edificios dos Xulgados, segundo explicou Rilo aos políticos.

18268552_1936161263280116_7298209246007323408_n-min

A escasa distancia entre estes edificios facilitaría o reparto chamado da “última milla”, mediante bicicletas eléctricas de carga (e-bikes) que transportan ata 100 quilogramos por viaxe. “O traslado de expedientes e documentación entre os distintos xulgados e a Fiscalía Provincial é voluminoso e diario, por iso a utilización das bicis de carga para estas tarefas, ademais de ser versátil e áxil, cumpriría coas recomendacións da Unión Europea de redución de emisións e da utilización de bicis de carga para o reparto de ata 250 quilogramos por viaxe”, informa Crunia.

“A alternativa a este sistema sería a utilización dunha furgoneta de reparto, que, ademais de resultar antieconómico, contribuiría a incrementar o tráfico rodado nas inmediacións de Catro Camiños, xa de por si incómodo para os numerosos peóns que utilizan esa zona”, engade a asociación.

En opinión de Rilo, se a proposta de Crunia fora considerada por parte da Vicepresidencia e Consellería de AA.PP e Xustiza suporía un paso decisivo para que no futuro as administracións públicas de toda Galiza utilizasen o mesmo sistema de bicicletas.


 

Crunia propón usar bicis para o traslado de documentación entre as sedes de Xustiza na cidade