Orzamentos participativos

O bus que constrúe a cidade

O autobús informativo itinerante aparcou esta mañá nas Conchiñas e estará mañá en Pescadores e Labañou.

O bus que constrúe a cidade
Encargados do bus itinerante esta mañá nas Conchiñas-min
Encargados do bus itinerante esta mañá nas Conchiñas.

Suso e Suso aparcaron cedo esta mañá diante da entrada do Mercado das Conchiñas, en metade da rúa Barcelona. Están de paso, con permiso municipal, levan o bus que vai anunciando polos barrios que o proceso de participación veciñal nos orzamentos da cidade está aberto. Suso é o condutor do vehículo, un bus de transporte normal, con asentos e todo, so que rotulado coas cores e os lemas do programa municipal. “Hoxe non me tocaba, pero tocoume”, di mentres axuda a colocar unha mesa e dúas cadeiras na rúa, outro ornamento, porque no bus os veciños fan poucas propostas. “O bus é para promover a iniciativa, para que se vexa nas rúas, facer algo de publicidade e, se alguén se quere inscribir na plataforma web, pois axudalo”, explica o outro Suso, Jesús de la Fuente, da cooperativa Cidadanía, con certa bagaxe –estiveron nos orzamentos participativos de Ferrol (tres anos) e Compostela (dous anos)­–. “En Ferrol empezamos con Esquerda Unida, seguimos co PSOE e rematamos co PP, así que pódese dicir que é algo que se vai asentando pouco a pouco”.

Suso e Suso reparten os folletos editados polo Concello para informar aos cidadáns de que poden facer suxestións sobre o destino final de 3 millóns de euros do orzamento deste ano. Non é moito, 200.000 euros por barrio. “Non dá para moito”, concede De la Fuente, “pero a xente ten claro o que precisa o seu barrio e mesmo as veces de varias achegas saen propostas que benefician a toda a cidade. En Compostela, por exemplo, terminouse por elevar os pasos de peóns en toda a cidade despois de que se pedira en determinados barrios”.

O bus botou dúas horas nas Conchiñas e ao mediodía foi para O Castrillón e despois ten previsto aparcar diante do Tempo Novo no Castro de Elviña. Na zona do Agra do Orzán volverá a estar mañá mércores (diante do Instituto Rafael Dieste pola mañá, no parque infantil de Pescadores e xunto ao Centro Cívico de Labañou pola tarde). Aos Mallos chegará o día 12, e no Centro Cívico dos Mallos haberá un dos encontros presenciais o día 15. “Pola miña experiencia, podo dicir que os encontros son os actos aos dos que os veciños tiran máis proveito”, indica De la Fuente, “ao Concello, como información, resultaralle útil case todo o proceso, mesmo as propostas para as que non teña competencia, é unha información moi útil para saber como respiran os barrios e ir actuando conforme se poida”.

Facendo A Coruña que queremos, di o folleto que acompaña ao bus. Até o 21 de maio será a quenda dos veciños, que a través da web aportaaberta.coruna.es ou nos puntos de información (CMIX no Fórum, bibliotecas municipais ou na Federación de Asociacións Veciñais) poden facer achegas. No bus apenas recolleu unha desde que se iniciara o programa a semana pasada. “Todo é cuestión de ir collendo costume”, di Jesús de la Fuente, “pero o máis cómodo é facer as propostas desde a casa, porque aquí, na rúa, é máis difícil pensalas”.


Aquí, algunha información sobre como vai indo o proceso:

25 de abril

http://www.entrenosdigital.com/articulo/coruna/orzamentos-participativos-chegaran-semana-proxima-agra-dia-15-aos-mallos/20170425003044002545.html

30 de abril

http://www.entrenosdigital.com/articulo/novas-da-agra/vecinanza-do-distrito-9-empeza-pedindo-melloras-santa-margarita-mais-espazo-verde-no-ventorrillo/20170429232534002643.html

http://www.entrenosdigital.com/articulo/novas-mallos/recuperar-territorio-espazos-verdes-demandas-mais-urxentes-nos-distritos-mallos/20170430091356002646.HTML


 

O bus que constrúe a cidade