Distopías Cotiás, no Ágora desde o luns 27
Pablo Castro, activista pola liberdade en Internet, ofrecerá a primeira charla baixo o título ‘Ética, privacidade e teconoloxía: retos abertos para os anos vinte’.
A biblioteca do centro Ágora acolle a partir deste vindeiro luns, día 27 de xaneiro, o ciclo Distopías Cotiás, unha serie de conversas abertas entre as persoas que, segundo os organizadores pretende servir como “espazo de reflexión sobre tecnoloxías e prácticas na contorna dixital que, até hai ben pouco, ocupaban a esfera da ciencia ficción e que a día de hoxe xa forman parte, en maior ou menor grao, da nosa realidade cotián xerando fondos debates polo seu impacto na nosa sociedade”.
Ética, Privacidade e Tecnoloxía: retos abertos para os anos vinte é o título da primeira das conversas, que contará coa breve charla inicial a cargo de Pablo Castro, co-fundador de Arengu e membro do colectivo GPUL, activista pola liberdade en Internet e o software libre. A charla comezará ás 19.00 horas.
No primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre a mesma hora no espazo de conversa da Biblioteca Ágora: luns 27 de xaneiro, luns 17 de febreiro, luns 16 de marzo, luns 20 de abril e luns 18 de maio.
A participación en calquera dos encontros é aberta até completar aforo. Poden reservarse prazas no Meetup da iniciativa: aquí.