Área de asuntos esquecidos | A inxustiza de Elviña
Exemplares e abandonadas. Elviña 2020
Mañá e venres e estas mulleres e homes de Elviña volverán subir á pasarela sobre a avenida de entrada á cidade para reclamar xustiza. Levan nove anos así.
A situación pode resumirse nun parágrafo: cidadáns libres membros dun Estado de dereito foron expropiados de casas e terras por unha decisión da Administración pública e convertidos contra a súa vontade en promotores dunha urbanización de vivendas, o que lles xerou unha débeda con esa mesma Administración que non poden pagar sen que a propia Administración procure un mecanismo que deteña o proceso. Despois de nove anos, as afectadas xa nin sequera pretenden ser reparadas no seus patrimonio nin polos efectos sobre as súas vidas e as dos seus.
Algunhas foron morrendo polo camiño. Outras ficaron sen casa. Todas quedaron baixo a servidume dunha débeda que se cobra cota a cota os seus últimos folgos.
A política é un xeito de encerellar as cousas para que os problemas públicos se resolvan segundo os intereses dos poderosos.
Estas mulleres e homes sábeno ben. Por iso son solidarias en cada causa xusta que van topando no camiño.
Este xoves no pleno municipal da Coruña a oposición fará unha pregunta oral sobre a situación das afectadas polo proxecto urbanístico do Ofimático. Van unhas cantas. Fálase, mais non se soluciona nada. Nin este goberno nin o de antes nin o de hai nove anos.
Nos acordos que a Marea Atlántica, por un lado, e o BNG, por outro, asinaron co PSOE para apoiar o goberno de Inés Rey contemplábase “unha solución urbanística” para as veciñas e veciños de Elviña.
Estas son Loli e Pilar hai tres anos un venres de chuvia. Sempre ofrecen un sorriso para as fotografías. Que non as vexan derrotadas. “Pero estanos tocando a saúde a todos”, recoñece Luís, o marido de Pilar. “Eu xa estaba pensando en pedir un crédito a un banco para pagar a débeda e que os meus pais poidan morrer tranquilos”, confesa Loli. É xaneiro de 2020, este venres pega algo de sol sobre a pasarela, empeza outro ano de loita.
Luís e Pilar e os pais de Loli aínda viven nas súas casas. Estrella non. Tiráronlla o mesmo ano que o derrubo da de Álvaro, no 2014. Ela e o seu marido perderon a casa e unha finca. Convertéronos en promotores de vivendas no Ofimático e empezaron a xirarlles as cotas. Abonaron as dúas primeiras, 70.000 euros. Na terceira deixaron de pagar. A cuarta veu por un importe de 33.000 euros. “Se non se paga o recargo é dun 20% e os intereses o ano pasado xa ían polos seis mil euros”. Mudáronse a un piso en Eirís. Levan cinco anos pedindo compensar unha débeda que lle crearon artificialmente cos dereitos sobre unha parcela que non poden edificar. Nin teñen os cartos nin a intención.
As reunións co novo goberno
As veciñas de Elviña veñen dun desengano de catro anos co goberno da Marea Atlántica, por iso xa non se fixeron demasiadas ilusións antes de ir falar con Juan Díaz Villoslada, responsábel de Urbanismo no goberno socialista. A finais do 2019 foron recibidas dúas veces polo concelleiro. “Primeiro, para dicirnos que había que pagar. Si ou si. E, a segunda, para dicirnos que o ían desestimar o recurso que presentara a nosa avogada. Loxicamente esa reunión foi aínda máis tensa ca primeira”.
A avogada é María Domínguez, que en 2013 asumiu a defensa das afectadas diante da Administración. Domínguez representa a seis familias. A maioría das súas clientas negáronse a pagar a cuarta das cotas que lles chegou en xuño pasado. A de maior cantidade, case 56.000 euros. O resto andaban por riba dos 30.000 euros. A principios de decembro presentou un recurso de reposición diante da Concellaría de Urbanismo, que é o departamento que xirou a cota. “Os encontros con Villoslada foron unha decepción. Veu dicir que hai dúas formas de pagar, ou fraccionar ou aprazar”, explica a letrada.
As débedas suman até uns 300.000 euros nos casos máis onerosos. Domínguez lembra que esas obrigas se produciron porque o Concello da Coruña compensou as expropiacións con dereitos de aproveitamento para a edificación no futuro parque do Ofimático convertido ás afectadas en promotoras da urbanización. Como promotoras, o Concello xíralles regularmente unhas cotas. Van pola cuarta, a maioría deixaron de pagar a partir da segunda. Por riba, non saben -e o Concello tampouco o calculou, ou llo di- cantas cotas restan.
“Hai lexislación que permitiría que o Concello embargue os bens, neste caso os dereitos de aproveitamento, os saque a poxa e se cobre as débedas co resultado desa poxa”, indica María Domínguez, “unha especie de permuta”. Mais a Concellaría de Facenda non responde ás demandas das afectadas e os intereses seguen a engordar á débeda. “Non é unha solución para todos os seus problemas, porque non esquezamos que moitas quedaron sen casa e agora quedarían tamén sen parcela de aproveitamento, quedarían sen nada; pero cando menos minimizarían o dano”.
“A maquinaria é demoledora”, valora Domínguez, “primeiro indemnizounos con parcelas e despois obrigounos a asumir as cotas para non perder esas parcelas”.
A desafectación, descartada
Nos acordos que a Marea Atlántica, por un lado, e o BNG, por outro, asinaron co PSOE para apoiar o goberno de Inés Rey contemplábase “unha solución urbanística” para as veciñas e veciños de Elviña. Os grupos de esquerda comprometeron o seu voto, entre outras cuestións, á creación dunha “mesa de traballo” na que representantes políticos, técnicos municipais e afectadas puideran explorar solucións. Pasados seis meses, o asunto ficou no caixón, malia a interpelación plenaria do BNG en outubro e da Marea Atlántica hoxe mesmo. O pasado 13 de decembro, a Marea Atlántica e o PSOE publicaban un acordo da mesa de seguimento do pacto entre eles no que se apelaba (ao Goberno municipal) a “impulsar á maior brevidade” unha mesa de traballo que estudase “a desafectación de San Vicente de Elviña” ou “unha solución urbanística alternativa”.
Fontes da Marea Atlántica explican que durante o seu goberno xa valoraron diferentes saídas e que a desafectación “é moi complexa” non só porque esixe a modificación do PXOM senón porque podería “converter en ilegal todo o desenvolvemento do Ofimático”.
Un problema maior para a Administración que agora o departamento de Villoslada quere evitar a calquera custe. “Quedounos claro que de desafectación nada. Para o concelleiro a prioridade é urbanizar e nin se propón paralizar nada”, apunta María Domínguez.
Desde o BNG insisten en que “que se deben desafectar as vivendas de Elviña atinxidas polo desenvolvemento do Ofimático ou atopar unha solución urbanística equivalente en virtude da cal a veciñanza non teña que facer fronte ás cotas de urbanización” e lembran que no seu acordo co PSOE figuraba un compromiso a respecto dos prazos e “que no primeiro ano do mandato” comezasen os trámites “para a desafectación ou para unha solución urbanística equivalente”.
“Empezamos o noveno ano de loita”, contaban Loli, Luís e outras veciñas, o pasado venres na pasarela da avenida de Alfonso Molina, que leva o nome do alcalde franquista que xa expropiou a familias e abriu o paso cara a cidade por riba de San Vicente de Elviña. As vidas de Loli, Luís e Pilar e outras estaban na gabia da autovía. Pero polo menos tiñan algo. Agora nin as casas lles pertencen.
“Nove anos e tres gobernos, o do PP, o da Marea Atlántica e, agora, o do PSOE. Ningún resolveu nada. E non sei se iremos a peor”, di Luís. “Villoslada non nolo puxo fácil. Nalgún momento dunha das entrevistas ameazou con marchar se o seguiamos importunando con preguntas capciosas, díxonos... si, creo que dixo 'capciosas”, lembra Loli.
“Hai lexislación que permitiría que o Concello embargue os bens, neste caso os dereitos de aproveitamento, os saque a poxa e se cobre as débedas co resultado desa poxa”, indica a avogada.
A avogada das afectadas está preocupada polo “desgaste” que están a producir nelas tantos anos de protestas e as tensións acumuladas no persoal e no público. “Porque agora tamén son activistas e son persoas moi solidarias con outras loitas”. María Domínguez lembra que algúns dos maiores xa morreron, e que a seguinte xeración tomou a testemuña para protexer aos maiores e agora son estes, os fillos, os que soportan a carga. “Son xente exemplar, pero isto é un desastre… as consecuencias físicas e anímicas, niso ninguén repara”.
En paralelo á loita cotiá, a letrada mantén a disputa xurídica coa Administración a quen discute o cálculo das indemnizacións e dos xuros das débedas. Os seus recursos seguen sen resposta por parte do Concello e agora está pendente do último, presentado no Tribunal económico-administrativo municipal ante o silencio do Concello. “Esperamos que este traballo serva para que se volvan calcular as débedas, porque nos tememos que as parcelas terían que dar para moito… porque podería suceder que a poxa quedara deserta e se adxudicaran pola metade do seu valor ou que o recadado non chegase para saldar a débeda”.
As afectadas tiñan a intención de asistir ao pleno desta mañá onde volverá debaterse o seu caso. Non será a última vez que se movan para evitar que as promesas, as declaracións de intencións e a solidariedade toda das institucións fiquen nun papel que corre o risco de perderse nun deses recunchos da Administración local onde se remoen os asuntos até que se esquecen.
Próxima pescuda en Asuntos esquecidos: A promesa do parque na Agra.