Cultura de Barrio

Loairas abren Santa Margarida a iniciativas para conectar aos veciños

A cooperativa Loairas empeza no parque unhas xornadas de dinamización da vida do barrio a través da natureza.

Loairas abren Santa Margarida a iniciativas para conectar aos veciños
Preparativos para a xornada deste sábado
Preparativos para a xornada deste sábado.

Colectivo Loairas son Berta, Estela, Irene e Marta. Catro mulleres que esta mañá no parque da Santa Margarida empezaron “a tecer comunidade” en torno a un espazo de lecer “pouco utilizado”. Queren sacar á xente das casas e traela ao parque. Para iso desde Loairas idearon A margarida verde, que fai parte do programa municipal Cultura de Barrio é que continuará este domingo e as próximas tres fins de semana “con accións lúdicas e formativas dirixidas tanto á infancia como a persoas adultas”.

Estela, de Loaira

Berta, Estela e Irene préstanse para tirar unhas fotos e conversar co EntreNós esta mañá de sábado mentres rematan os carteis indicativos que colocarán nas portas do parque. Marta virá pola tarde. Hai dez persoas inscritas para a primeira das actividades, “todas relacionadas coa promoción da sostiblilidade do medio”, explica Berta, e que conta que xogaba no parque cando nena. O que van facer esta mañá é adornar árbores con tecidos como las ou materiais reciclados. Outro día pintarán os tocos de moitas das árbores que foron cortadas hai anos. “Serán os nosos lenzos”, di Irene, “queremos poñer en valor a natureza a través da arte, esa é a idea”. “E que a xente veña, participe, sacalos da casa e que poidan conectar, recupera vínculos con outros, esa comunidade que semella que desapareceu nas cidades”, insiste Estela, convencida de que o espazo, o parque, que pronto cumprirá medio século, ten “moitas posibilidades” dada a súa situación central na cidade.

Outro día teñen pensado facer unha “arboteca”. “Para ler baixo ás árbores, non sei por que non se fai habitualmente”, sinala Irene. As actividades son gratuítas, mais se alguén fai achega de cartos, estes irán destinados a Miradas no Mundo, que vai levar lámpadas solares a Guinea Bissau.

Para hoxe pola tarde tiñan programado comezar un mural no parque xunto a unha das cooperativas, Cestola na Cachola, que colaboraran con elas estes días no parque. A choiva aconsellou adialo (será mañá domingo). Haberá construción de estruturas vexetais, ioga, proxeccións audiovisuais, cociña e xogos, entre outras actividades, até chegar ao 4 de xuño, data da xornada de contraconsumo, cunha feira de artistas e artesáns.  

Irene, de Loaira

Nesta ligazón podedes consultar o programa completo coa descrición detallada de cada actividade (aquí).


 

Loairas abren Santa Margarida a iniciativas para conectar aos veciños