Novas teorías sobre a Torre de Hércules
Máis luz sobre a Torre de Hércules
O arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero presenta a súa investigación sobre o faro coruñés na Real Academia de Belas Artes na que desvela novas teorías sobre a súa construción, o inicio das obras e os usos do edificio.
A Coruña, 9 de xaneiro
Antonio Rodríguez Colmenero, o gran arqueólogo galego vivo, é un epigrafista de primeira orde, como lembra a doutora Ana Goy, do grupo de investigación Iacobus da USC, na presentación este martes de ‘El faro romano de Brigantium Flaviun, torre de Hércules de A Coruña’. Rodríguez Colmenero, o maior experto galego na época da romanización, cumpre nesta obra o compromiso dos investigadores que acompañaron a declaración da Torre como patrimonio da humanidade de afondar no coñecemento do faro dez anos despois do suceso. A memoria da Torre está nas pedras de Punta Herminia e nelas achou Colmenero nova luz sobre o faro, segundo explicou nunha breve conferencia que resume máis de cinco anos dunha investigación que contou co patrocinio principal da Autoridade Portuaria da Coruña, o organismo estatal que xestiona a franxa litoral da cidade.
“As inscricións na Torre permiten ao profesor Rodríguez Colmenero chegar a unha novas conclusións, que non son definitivas, porque a investigación é un camiño que nunca remata, pero si que supoñen un importante avance no coñecemento da Torre”, advertiu Ana Goy.
As pescudas sobre a Torre enmárcanse, avanzou o profesor no comezo da súa intervención, no estudo da vía marítima atlántica romana entre Lisboa (Olissipo) e Irún (Oiasso). Nesa ruta, Brigantium Flaviun tivo unha importancia de relevo na conquista romana das terras setentrionais “en tanto que chegou a converterse nunha das poucas aduanas do imperio romano entre Ostia Antica e o noroeste de Xermania”.
En 2014, Colmenero centrou os seus traballos en tres monumentos da época de Augusto (ano 27 a.C.-14 d.C.): o faro da desembocadura do Sar, hoxe desaparecido, o de Campa de Torres, en Xixón, e a Torre de Hércules na Coruña.
O trileuco
Entre as fontes que, a través dunha nova lectura, achegan unha interpretación “veraz, aínda que non fechada” da Torre, Colmenero cita en primeiro lugar un texto de Ptolomeo sobre o trileuco e discute a ubicación na contorna do cabo Ortegal. Para Colmenero, o trileuco está no litoral coruñés. “A interpretación que veño defendendo é que Ptolomeo refírese a un ámbito cuxo límite occidental determina o río Mero, atopándose Brigantium, hoxe A Coruña, nun espazo peninsular próximo e cara o leste, con remate no prado do mozo ferreiro... a estatua de Marte que figura na inscrición latina nas pedras e da que se atoparon fragmentos nas escavacións na Torre”. O trileuco non sería, segundo Colmenero, un conxunto de pequenas illas, senón as tres chamas do faro que conducían a navegación.
As datas
A referencia de Ptolomeo sería pois a primeira referencia ao faro brigantino, e moi anterior á de Paulo Orosio. Colmenero discute as datas da construción do faro, que até hoxe oscilan entre finais do século I e o reino de Trajano nos comezos do século II. “Nin unha nin outra... segundo as nosas investigacións arqueolóxicas e epigráficas, a torre do faro remontaría as súas orixes ao reinado de Augusto, a cabalo do cambio de era, pudendo ter sido iniciada entre os anos 13 e 5 a.C.”. Colmenero alude ademais á inscrición do arquitecto da torre, que se declara lusitano en concordancia coa pertenza de Brigantium nesa época á provincia lusitana, antes de pasar a provincia tarraconense e tomar o apelido Flaviun. “Probabelmente a Gallaecia tivese sido engadida ao redor do ano 4 a.C. á Hispania Citerior con capital en Tarraco”.
Os descubrimentos suxiren, segundo o arqueólogo, que Roma foi establecendo unha ruta marítima propia desde a finalización da conquista peninsular, e que esa ruta foi chave no éxito romano nas guerras cántabras así como na posterior conquista da Xermania.
A lámpada
O alimento da chama era o aceite, e non a leña ou a palla. Non tanto polas peculiaridades do clima como polo mecanismo utilizado no faro que Colmenero mandou reproducir a partir dunha parte da que se pensa foi a lámpada primitiva. A reconstrución está no museo do Aquis Querquennis, a escavación dun campamento romano que o arqueólogo supervisa desde hai catro décadas en Bande. A lámpada remataría en tres vidros que producirían até nove puntos de luz. A navegación segura correspondería coa visión de tres deles. “Este xogo de luces permitiría identificar aos navegantes a sinal do faro entre as varias luces que se divisarían na costa”, anota Colmenero.
As funcións do faro non se limitarían a emitir a sinal para a navegación, a torre tamén desenvolveu funcións defensivas, enviando mensaxes cara a terra. A torre, en fin, foi establecemento militar, segundo indica a estrutura interior das tres primeiras plataforma cun reparto de cubículos semellante, por exemplo, ao do campamento do Aquis Querquennis. Os investigadores toparon evidencias de que a Lexión X Gémina, que deixou pegada en Caldas de Reis, Lugo ou Cervantes, tamén se asentou no faro. Había espazo para máis ou menos a metade dunha centuria.
A construción
A partir de documentos atopados na Catedral de Santiago de Compostela, o investigador recuperou o que puido ser a forma de levantar a torre. Non se levantaron andamios. Demasiado perigoso polos ventos, sostén Colmenero. A base do edificio está formada por dous prismas concéntricos “cosidos entre si” por unha gran rampla duns catro metros de anchura. A través desa rampla circulaba o material, probablemente en carros movidos por un ou mesmo dous animais, co que se ían construíndo as sucesivas plantas. A inclinación da rampla tería un gradiente do sete ou oito por cento. “O que se precisaba, pero non moito se temos en conta que hai calzadas romanas nos Alpes con quince por cento e por elas pasaban carros”. As pedras da rampla fan parte hoxe dalgunhas construcións sacras na cidade. A memoria consérvase na silueta malia as sucesivas reformas.
A Torre cobra nova vida co resultado da lectura de Antonio Rodríguez Colmenero: gañou uns anos, certa comprensión dalgúns dos seus elementos e mesmo da súa situación nun terreo de forte simbolismo relixioso.