Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica apoia a creación dun parque público e pulmón verde no Martinete
María García: “Trátase dun proxecto que atende á necesidade de máis zonas verdes na Coruña e que conectaría o Martinete con Pocomaco, Someso e Vío”
Co río Monelos como eixo condutor, encaixaría cos proxectos de recuperación do río de Quintas, en Palavea, e do río Feáns, deseñados pola Marea Atlántica e esquecidos polo goberno de Inés Rey, ao igual que o Plan de Infraestrutura Verde
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Claudia Delso reuníronse estes días con Amar Basic, representante da iniciativa veciñal que impulsa a creación dun gran pulmón verde no Martinete. Baixo o nome de Parque Cidade, a proposta é converter un descampado nun gran parque público que permita respirar ao barrio e o conecte con outras áreas da cidade a través dunha infraestrutura verde.
“Trátase dunha idea excelente que ten todo o noso apoio —sinala María García—, que atende á necesidade de zonas verdes na Coruña e serviría de unión entre o Martinete, Pocomaco, Someso e Vío”. Ademais, co río Monelos como eixo condutor, encaixaría cos proxectos de recuperación do río de Quintas, en Palavea, e do río Feáns, deseñados pola Marea Atlántica e esquecidos polo goberno de Inés Rey, ao igual que o plan de infraestrutura verde.
Este proxecto, impulsado inicialmente por Amar Basic, vai sumando apoios desde a Universidade e outras organizacións veciñais e profesionais da cidade, polo seu interese como espazo público e zona de lecer nunha parte da cidade que está moi necesitada deste tipo de servizos.
A creación e coidado de zonas verdes, parada
No marco do gran retroceso nas políticas ambientais do Concello, o PSOE está a renunciar ás políticas de coidado e ampliación de zonas verdes. Pese a ter os proxectos listos, non se avanzou nos traballos para crear o Bosque dos Rosales ou o de Breogán en Feáns, nin na mellora e ampliación das hortas urbanas ou a retirada de plantas invasoras. Todos estes asuntos formaban parte dos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato e a aprobación dos Orzamentos 2020 e todos están incumpridos.
O desinterese é evidente cando non se chegaron a aproveitar os 6,6 millóns de euros para mellora de parques e xardíns incluídos no contrato dese servizo. O goberno é incapaz de explicar cantos deses fondos investiu nin en que o fixo, e está a dificultar o acceso á información.