Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica esixe a inmediata apertura do polideportivo do Castrillón con xestión pública directa

Tras reunirnos coa AVV do barrio, esixímoslle a Inés Rey que rectifique o seu intento de privatizar as instalacións deportivas e que reciba á representación veciñal. Tamén pediremos explicacións no vindeiro Pleno

A Marea Atlántica esixe a inmediata apertura do polideportivo do Castrillón con xestión pública directa
201210526_SGR_iago_clau_aavv_castrillon_Z7F5256
Reunión da oposición coa A.VV. Castrillón

Á alcaldesa non lle interesa nin a xestión municipal, nin dar servizos de proximidade eficiente. Está máis cómoda deixándoo todo en mans de empresas privadas

A Coruña, 26 de maio de 2021.-  O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, e a concelleira Claudia Delso participaron hoxe nunha xuntanza convocada pola Asociación Veciñal do Castrillón, xunto a representantes de todos os grupos da oposición en María Pita. O encontro foi unha resposta á intención de Inés Rey de privatizar a xestión do polideportivo do barrio, un erro que debe emendarse, comezando pola inmediata apertura das instalacións. “Ao igual que a AVV, consideramos que isto é unha traizón a 20 anos mobilización da veciñanza, que reclamaba unhas instalacións deportivas públicas no seu barrio, pero xa vemos que á alcaldesa non lle interesa nin a xestión municipal nin dar servizos de proximidade. Está máis cómoda privatizando”, resume Iago Martínez.

Por iso, esiximos que se abra xa o polideportivo do Castrillón, onde hai meses que remataron as obras. O goberno de Inés Rey só ten que trasladarlle á empresa municipal EMVSA os fondos necesarios para mercar material e contratar persoal, unha operación que foi aprobada en decembro cos votos de toda a Corporación, pero que segue sen executarse. E esiximos que a xestión deste equipamento deportivo sexa pública e municipal, tal e como recomendan os informes de EMVSA e da propia Área de Deportes. Deixalo en mans dunha empresa privada é un erro que debe emendarse.

Como xa denunciamos a semana pasada, en lugar de aproveitar que a concesión do polideportivo de San Diego leva dous anos caducada para encargarlle a EMVSA a xestión directa de ambas instalacións, Castrillón e San Diego, o PSOE escolle a opción contraria: privatizalas. “E faino en contra do prometido varias veces no Pleno e en contra de informes, que recomendan unha xestión pública por ser máis barata para as arcas municipais e dar mellor servizo á cidadanía”, sinala Claudia Delso.

A concelleira tránsfuga Mónica Martínez consuma o xiro á dereita deste goberno, poñendo sobre a mesa políticas privatizadoras.

No vindeiro Pleno, o xoves 3 de xuño, o noso grupo realizará unha pregunta oral ao goberno para esixirlle explicacións por esta aposta pola privatización, que contravén varios acordos plenarios e informes internos.

Ademais, como lembrou o noso vicevoceiro, Inés Rey está a desaproveitar a oportunidade de apostar polo público que se abriu cando o Estado relaxou a regra de gasto por mor da pandemia. “Por primeira vez unha década soltáronse as cadeas da Lei Montoro e os concellos teñen facilidade para municipalizar servizos, pero a este PSOE non lle gusta a idea”.

Por iso mesmo paralizou o proceso de municipalizacion de toda a rede de bibliotecas municipais, xa encamiñado no mandato anterior. E por iso non ten intención de crear un operador enerxético municipal para apostar polas enerxías renovables e cunha tarifa social, que pactou hai dous anos coa Marea Atlántica. Ao contrario, está a concentrar os contratos de subministro eléctrico do Concello en mans de cada vez menos empresas.

A Marea Atlántica esixe a inmediata apertura do polideportivo do Castrillón con xestión pública directa