Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica buscará o apoio do Pleno á iniciativa “Mover os Baixos”

O grupo municipal da Marea Atlántica mantivo unha xuntanza coa Federación Unión Comercial Coruñesa - FUCC para dar a coñecer esta proposta de dinamización dos baixos en desuso

A Marea Atlántica buscará o apoio do Pleno á iniciativa “Mover os Baixos”
20210511_SGR_reu_FUCC__Z7F3644
Reunión do grupo municipal da Marea con representantes da FUCC

María García: “Hai semanas que puxemos sobre a mesa, pero non tivemos resposta de Inés Rey nin do seu goberno, a pesar de que cada día son máis as persianas baixadas”

A Coruña, 11 de maio de 2021.- A Marea Atlántica levará ao vindeiro Pleno, no mes de xuño, unha moción para buscar o apoio da Corporación Municipal á iniciativa Mover os Baixos, para recuperar locais baleiros na Coruña e abrir novas oportunidades de emprego. “É unha proposta clara e definida, para apoiar o comercio e os servizos de proximidade, puxémola hai semanas sobre a mesa, pero non tivemos resposta de Inés Rey nin do seu goberno, a pesar de que cada día son máis as persianas baixadas”, sinala a nosa voceira María García.

García, xunto ao voceiro provincial Alberto Lema, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes da Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC), para trasladarlles as ideas de Mover os Baixos, unha bolsa municipal de locais en alugueiro, axudas directas para novas actividades e compra directa de baixos por parte do Concello, a través dun concurso público. Formou parte da serie de encontros con axentes sociais que está a manter o noso grupo.

Cómpre lembrar que o goberno da Coruña, como parte do plan Presco 2020, contaba con 80.000 euros para identificar os locais comerciais en desuso na Coruña. Pero non fixo públicos eses datos nin os empregou para tomar ningunha medida, a pesar da urxencia de tenderlles a man aos pequenos negocios, e a pesar de que hai quince días que llo pedimos.

Mover os baixos foi unha idea ben recibida pola FUCC, que trasladou o seu apoio. E puxo sobre a mesa unha iniciativa que pode ser complementaria e leva tempo pendente, a creación dunha plataforma de compra dixital que aglutine ao pequeno comercio coruñés e dea alternativa ás multinacionais coma Amazon.

Tres eixos de actuación para recuperar locais

A nosa propostas para Mover os Baixos propón actuar en tres liñas, fomentar o emprego, recuperar espazos e servizos nos barrios e poñer os recursos do Concello a disposición de quen os precisa:

  1. Banco de baixos en aluguer: crear unha bolsa pública de locais dispoñibles, con prezos razoable e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias. Estaba prevista no Presco 2020, pero Inés Rey nunca chegou a desenvolvela.
  2. Compra de locais por parte do Concello, a través dun concurso público, dándolle prioridade a aqueles con mellores condicións e aos barrios con máis locais pechados ou con menos servizos de proximidade.
  3. Axudas de ata 15.000 euros para novas actividades en locais en desuso, una liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Terían cabida comercio, perruquería, servizos, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, etc.

Avanza maio, e seguimos sen novo Presco nin orzamentos

Como sinala María García, “Inés Rey ocúpase de fomentar pelotazos urbanísticos coma en Percebeiras ou nos peiraos interiores, e de negociar convenios coa patronal dos pisos turísticos, pero non ten propostas para o comercio de proximidade nin para a veciñanza que recibe o impacto máis duro da pandemia e a crise”.

A 11 de maio, aínda non hai nin un só avance no novo plan de axudas Presco para 2021, nin remataron de pagarse as de 2020. A cidade segue sen uns Orzamentos adaptados á pandemia por decisión unilateral da alcaldesa, e nada se sabe dos convenios coas entidades sociais da Coruña, as mesmas que traballan na primeira liña contra a crise. A empatía non está na axenda de Inés Rey.

A Marea Atlántica buscará o apoio do Pleno á iniciativa “Mover os Baixos”