Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama a convocatoria da Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña

María García: “Inés Rey comprometeuse no acordo de investidura a dar unha solución urbanística para que as familias afectadas polo Ofimático conserven as súas casas. Seguen agardando”

A Marea Atlántica reclama a convocatoria da Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña
20210513_SGR_reu_elvinha__Z7F4297
Reunión coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña

Esiximos que nesta reunión da Mesa, que leva sen convocarse desde outubro, estea presente a Tesourería municipal para aclarar o problema das cotas de urbanización

A Coruña, 14 de maio de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha solicitude formal para que o goberno de Inés Rey convoque a Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña e os grupos que apoiaron a investidura da alcaldesa, para trasladar de xeito claro a súa proposta para que estas familias poidan conservar as súa vivendas. Nesta xuntanza debe estar presente a Tesourería municipal, para aclarar o problema das cotas de urbanización que recaen sobre as persoas convertidas en promotoras forzosas en Xuxán.

A nosa voceira, María García, denuncia que “as persoas afectadas polo planeamento do antigo parque Ofimático non teñen ningunha información sobre o seu futuro, como puidemos comprobar tras manter unha xuntanza con elas, por iso lle esiximos ao PSOE que fale claro e que cumpra o seu compromiso de acadar unha solución urbanística”.

Sete meses sen novidades

No acordo de investidura asinado coa Marea Atlántica, o PSOE comprometeuse a resolver este conflito que xa dura décadas. E en decembro de 2019, na comisión de seguimento deste acordo, pactouse a convocatoria desta Mesa de Traballo para facer partícipe á veciñanza. Porén, e a pesar das promesas do concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, a Mesa leva sen reunirse desde o mes de outubro de 2020, mentres as persoas afectadas seguen agardando.

A veciñanza, que segue a concentrarse en María Pita antes de cada Pleno para reclamar os seus dereitos, merece que as súas demandas sexan atendidas. E, ante todo, merece que o goberno lle fale cara a cara.

O problema das promotoras forzosas

Cómpre lembrar que unha parte do complexo desastre que os gobernos de Francisco Vázquez no Concello da Coruña e Manuel Fraga na Xunta de Galicia causaron no Ofimático mantén a varias familias atrapadas como promotoras forzosas da urbanización de Xuxán. Estas persoas, quedaron sen suas casas e terreos na zona a cambio de edificabilidade, unha edificabilidade que non poden exercer, pero que lles obrigan a pagar cotas pola urbanización e a instalación de servizos básicos igual que se fosen grandes construtoras. Falamos de miles de euros ao ano. Unha situación inxusta e complexa, que non pode desatenderse.

A Marea Atlántica reclama a convocatoria da Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña