Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica dedica o excedente salarial dos cargos públicos a financiar proxectos sociais e unha Oficina dos Dereitos

Atendendo ás necesidades en plena crise do COVID19, a organización municipalista abrirá unha convocatoria dotada con 10.000 euros para financiar iniciativas sen ánimo de lucro

A Marea Atlántica dedica o excedente salarial dos cargos públicos a financiar proxectos sociais e unha Oficina dos Dereitos
oficinadosdereitos_banner_hor-1200x687
Oficina dos dereitos
A Coruña, 17 de xuño 2020.- A Rede da Marea Atlántica vén de aprobar a posta en marcha dunha convocatoria para financiar proxectos sociais de entidades sen ánimo de lucro, e a creación dunha Oficina dos Dereitos para asesorar a persoas en situación de vulnerabilidade social. Ambas as dúas iniciativas financiaranse co excedente salarial dos cargos públicos da organización municipalista. Nestes momentos, nos que a crise derivada da pandemia do COVID-19 está xa a golpear con forza, consideramos necesario poñer na rúa todos os recursos posibles, e queremos facer a parte que nos corresponde.

As representantes da Marea Atlántica no Concello e na Deputación da Coruña renuncian todos os meses a unha parte do seu salario, en cumprimento do noso Código Ético. Con estas dúas iniciativas, que estarán activas en cuestión de semanas, ese excedente porase ao servizo da xente da Coruña.

A convocatoria para proxectos sociais estará dotada con 10.000 euros e aberta a todas as entidades sen ánimo de lucro da Coruña. Cada iniciativa recibirá un máximo de 2.000 euros para axudar ao seu desenvolvemento, e terán prioridade aqueles centrados na xustiza social, o compromiso ambiental, a loita pola igualdade e a atención ás necesidades derivadas da pandemia. Esta convocatoria repetirase cada ano.

A Oficina dos Dereitos será un servizo de asesoría destinado a persoas en situación vulnerable, para orientalas e apoialas na relación coa administración, na solicitude de prestacións como a Renda Social Municipal ou na defensa dos seus dereitos. Na nosa experiencia diaria constatamos que moitas veces as persoas carecen de información sobre os recursos, ben públicos, ben do terceiro sector, aos que poden recorrer.

Xustiza Social e Green New Deal, dúas novas áreas de traballo

A maiores, a Rede tamén aprobou a creación de dúas novas comisións de traballo dentro da Marea Atlántica: as de Xustiza Social e Green New Deal, dotando de estrutura a dúas prioridades que xa se estaban a traballar de xeito transversal.

A Xustiza Social estivo sempre no ADN da Marea Atlántica, pero agora, coa nova crise que se está a despregar, é necesario reforzar e expandir o traballo para garantir unha vida digna a todas as peroas.

En canto ao grupo de Green New Deal, recollerá ideas e proxectos relacionados coa transición ecolóxica xusta e a transformación cara unha economía que non sexa incompatible coa vida no Planeta. Situacións como a da fábrica de aluminios da Coruña demostran que as grandes empresas están a cargar a transición nas costas das clases traballadoras, algo que non pode consentirse.

A Marea Atlántica dedica o excedente salarial dos cargos públicos a financiar proxectos sociais e unha Oficina dos Dereitos