Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica esíxelle a Susana Soneira que recapacite ou devolva a acta da que pretende apropiarse cometendo transfuguismo
A lista de 2019 era un esforzo colectivo, non o proxecto persoal de ninguén, nin tiña persoas “independentes”. A Marea Atlántica condena o uso do nome de Xulio Ferreiro para trasladar esta idea falsa. Cando Susana Soneira aceptou ser a número 9 da candidatura, o 3 febreiro dese ano, deuse de alta na Marea Atlántica, e segue a ser parte da organización, pois nunca solicitou a baixa. Contou cos avais de compañeiras e compañeiros da Marea Atlántica, e asinou por escrito os principios básicos e o Código Ético da Marea Atlántica.
Susana Soneira comprometeuse cun proxecto que hoxe está representado por un grupo municipal que está a ser decisivo para a gobernabilidade da Coruña, apoiado publicamente por Xulio Ferreiro. Un grupo que cos seus votos e o seu traballo fixo posible a gratuidade das escolas infantís municipais na Coruña, que defendeu os peiraos interiores de operacións especulativas, que logrou manter os Orzamentos Participativos e a Renda Social Municipal, e está a impulsar políticas públicas de vivenda, igualdade, saúde mental… Un grupo que, co excedente dos seus salarios, sostén iniciativas coma a Xanela de Proxectos e a Oficina dos Dereitos. A isto é ao que lle está a dicir que non Susana Soneira, cometendo unha fraude democrática chamada transfuguismo.
Declaracións de Xulio Ferreiro
Na mañá de hoxe, o excalde da Coruña e cabeza de lista da Marea Atlántica en 2019, Xulio Ferreiro, compartiu as seguines palabras nas súas redes sociais, que facemos tamén nosas.
Non existe unha Marea Atlántica con Xulio Ferreiro e unha Marea Atlántica sen Xulio Ferreiro. María García, os restantes compoñentes do Grupo Municipal e as ducias de persoas que participan día a día na Marea Atlántica –dos que eu sempre fun e son un máis-, nos bos momentos e nos non tan bos, seguen representando á perfección un marabilloso proxecto que naceu hai xa oito anos.
Romper estes compromisos provoca decepción e tristeza. En quen no seu momento acreditamos nas persoas que os adquiriron e na cidadanía, á que lle resulta difícil entender rupturas e transfuguismos.
Hoxe, para min, é un día amargo. Perde a política e perde a cidade. Perdemos todos e todas.
A coordinadora e o grupo municipal da Marea Atlántica, así coma o mesmo Xulio Ferreiro, contactamos con Susana Soneira desde o principio coa intención de darlle a benvida, informala dos proxectos nos que estamos traballando e acompañala na súa entrada ao grupo municipal polo que se presentou ás eleccións. En consecuencia, lamentamos a súa decisión de incorporarse como concelleira non adscrita incumprindo o seu compromiso coa Marea Atlántica, coa xente que a votou e coa cidadanía da Coruña en xeral.
Esta tarde, na Rede da Marea Atlántica analizouse acontecido coma sempre nesta organización, cun debate aberto e plural. E houbo consenso en non perder un minuto máis, seguiremos a traballar para facer da Coruña unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática. Obtivemos o voto de 25.000 persoas para facelo e nós non pensamos traizoalas. Mañá seguiremos, como cada día dende maio de 2019, coa atención no que importa.