Eleccións municipais
Jorquera, candidato do BNG á alcaldía en 2023: “A nosa vocación non é estar nun goberno liderado por outra forza política. A nosa vocación é liderar politicamente esta cidade”
“O alcalde Paco Jorquera non será nin delegado da Xunta nin delegado do Estado en María Pita. Será un alcalde coas mans libres”, avanza Ana Pontón
A Coruña, a 16 de setembro de 2022. Francisco Jorquera vai ser o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña en 2023. Así o decidiu a Asemblea Local da formación nacionalista o pasado mércores, nunha sesión plenaria realizada no salón de actos da Fundación Luís Seoane. Jorquera obtivo o apoio unánime das e dos militantes do Bloque que participaron na asemblea.
“A nosa vocación non é ser concelleiros e concelleiras dun goberno liderado por outra forza política. A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade”, dixo esta mañá Francisco Jorquera nun acto público de presentación da súa candidatura e no que, baixo o lema de Impulsa A Coruña, estivo acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Unha nutrida representación do tecido social e veciñal da Coruña asistiu ao evento, no que tamén estiveron presentes o responsábel local da formación nacionalista, David Soto, a concelleira Avia Veira e a parlamentar Mercedes Queixas.
“Sabemos que é un reto ambicioso. Mais A Coruña necesita impulso e ambición”, remarcou Jorquera, quen esclareceu que se o BNG presenta candidatura á Alcaldía “é porque non aceptamos o rol de actor secundario que o PP e o PSOE queren asignarnos”. “Que perdan toda esperanza”, engadiu.
A ambición coa que o BNG afronta o reto das municipais de 2023 é a mesma coa que a formación nacionalista coloca como obxectivo liderar o goberno galego nas próximas eleccións autonómicas. “Hoxe temos connosco Ana Pontón. Asumiu o liderado do BNG nun momento moi difícil. A Ana Pontón, como moito, asignábanlle o papel de outsider e hoxe moi poucos dubidan que vaia ser a próxima presidenta da Xunta”, afirmou.
Para Jorquera, ser candidato á Alcaldía é “unha honra”, despois de ter “intentado defender con dignidade os intereses de Galiza, e tamén da Coruña, no Parlamento español e no galego”. “Desde hai tres anos teño a oportunidade de traballar en primeira liña pola miña cidade. A cidade na que vivo desde os 9 anos e onde naceron a miña muller e os meus fillos. E creo que estes tres anos serviron para estar mellor preparado para asumir un novo reto”, subliñou.
O BNG é, enfatizou, a “forza emerxente” na Coruña, “a forza política con máis expectativas de crecemento”, de aí que “asumamos este reto coa convicción de que, co liderado do BNG, A Coruña vai ter o impulso que necesita”.
E é que, razoou, “na Coruña existe a percepción de que á cidade lle falta impulso”, entre outras razóns porque “non existe un proxecto claro que marque un horizonte cara ao que avanzar”.
E se ben é certo que un proxecto de cidade non se dá plasmado en apenas tres anos, non o é menos que “pouco proxecto pode haber cando unha cuestión chave para o futuro da Coruña como o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 é tramitada polo Goberno Local de forma improvisada, precipitada e trapalleira”.
“E pouco proxecto de cidade pode haber”, acrecentou, “cando non se é capaz de resolver os problemas do día a día. Xa sexa a limpeza, a vivenda, o estado de rúas e beirarrúas ou as melloras nas liñas de buses”.
E ante a falta de proxecto do actual Goberno Local, o BNG chama “a todas a coruñesas e coruñeses a impulsar A Coruña e a facelo con nós”. Impulsar A Coruña para construír unha cidade para vivir e traballar, ben tamén como para articular a comarca da Coruña como unha realidade metropolitana. Impulsar unha cidade á medida das persoas seguindo os principios de experiencias exitosas levadas a cabo por gobernos municipais do BNG e que hoxe son mesmo un referente mundial. Impulsar outro modelo de mobilidade –as persoas e o transporte colectivo primeiro, os vehículos particulares despois- e darlle pulo tamén ao enorme potencial que temos no eido da cultura.
O impulso tamén haillo que dar ás políticas de medio-ambiente –para que realmente se faga reciclaxe-, vivenda –para que o acceso a moradas dignas non sexa un imposíbel para miles de persoas- e servizos sociais –para combater as crecentes desigualdades.
“E impulsar tamén A Coruña para termos un Goberno Local esixente coas outras administracións”, recapitulou Jorquera, “por exemplo cando se trate de defender o noso porto ou de reclamar que nos devolvan edificios e terreos que son nosos, en vez de especular ou de facer caixa con eles.
Comeza hoxe, coa presentación do candidato á Alcaldía, un camiño que continuará coa elaboración do resto da lista do BNG ás municipais de 2023. “Unha candidatura”, avanzou, “que terá un marcado perfil social, aberta a todos os que compartan o noso proxecto para A Coruña”. “Unha candidatura que será espello do que é esta cidade. Do que é e do que aspira a ser”, remarcou.
E á vez que se conforma a equipa se irá elaborando tamén “o noso programa electoral, que faremos en diálogo coa sociedade”. Para impulsar A Coruña, precisou, o BNG ten dous avais: “O aval do bon labor dos gobernos municipais do BNG e o aval do traballo do BNG no Concello durante estes tres anos, en que achegamos proxecto, solidez, solvencia e capacidade de diálogo, alén de sermos unha forza política estábel e confiábel”.
E, xa a modo de coda, remarcou: “Non estamos aquí para cubrir o expediente. Estamos aquí para ofrecerlle á Coruña unha alternativa, un horizonte. Asumindo o liderado desta cidade”.
“Jorquera é alguén que sabes que non che vai fallar”
Jorquera é “alguén que sempre está aí, accesíbel e aberto a toda a veciñanza, alguén que sabes que non che vai fallar”, dixo na súa intervención Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG. “É o alcalde que precisa A Coruña para situar esta cidade á vangarda de Galiza e recuperar o pulso perdido”, engadiu.
“Vangarda de Galiza no urbanismo, nunha mobilidade sustentábel, no acceso á vivenda, na defensa dos servizos públicos de calidade, punta de lanza na promoción da economía produtiva e do emprego de calidade. Vangarda na ciencia e na innovación, no ámbito cultural e artístico”, remarcou.
Pontón puxo a énfase en que Jorquera será “un alcalde coas mans libres para defender A Coruña ante o Goberno da Xutna e ante o Goberno do Estado”. “Non será nin o delegado dun nin o delegado doutro en María Pita”, argüíu.
E iso significa que as coruñesas e os coruñeses “poden ter a total certeza de que o Paco Jorquera alcalde non tolerará a discriminación que supón que o Estado condone a débeda do porto de Valencia, mentres fai pagar á veciñanza polo Porto da Coruña”, clamou Pontón. “Nin tampouco permitirá que o Estado pretenda traspasar ao Concello o antigo cárcere sen garantir a rehabilitación plena dun edificio que hoxe é pura ruína por culpa dese mesmo Estado”, acrecentou.
Na mesma liña, completou: “O Paco Jorquera alcalde non permitirá que o Goberno do PP volva apostar polo cemento na ampliación do CHUAC, mentres ignora o colapso nos centros de atención primaria da cidade, corazón do sistema sanitario. Nin baixará a cabeza sumisamente ante proxectos urbanísticos que agreden o litoral (como o das Percebeiras)”.
Ten claro a líder do BNG de que Jorquera é o alcalde que A Coruña precisa. “E ten razón cando afirma que o BNG non naceu nesta cidade hai 40 anos para ser un actor secundario. Naceu para conseguir unha Coruña mellor para todos os veciños e veciñas, naceu para conseguir unha Galiza mellor”, aseverou.
O reto de Jorquera, esclareceu xa para concluír, é “traballar a favor dunha Coruña máis próspera e con futuro, con benestar social e servizos públicos fortes, unha cidade na que vivir e traballar. Unha Coruña que sexa protagonista da Galiza que desexamos e que merecemos”.