Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica leva a Pleno unha moción da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica
O 19 de febreiro celebrarase un “Roteiro da Vergoña” para sinalar nomes franquistas que se manteñen no rueiro coruñés e que un informe do Instituto Cornide recomenda retirar
Segue pendente de cumprirse a moción da Marea Atlántica, aprobada co voto do PSOE no pleno de decembro, que pedía a aplicación e divulgación do informe da Cornide
A Marea Atlántica trasladará ao vindeiro Pleno unha moción proposta pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, xunto con calquera outro grupo municipal que queira sumarse, na que se pide o apoio da Corporación á Marcha Cívica - 6º Roteiro da Vergoña, convocada o próximo 19 de febreiro para informar e sensibilizar sobre os restos do franquismo no rueiro e as institucións coruñesas.
Na moción, reclámase o cumprimento da iniciativa que a Marea Atlántica presentou no Pleno de decembro para cumprir e dar a coñecer as recomendacións do informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a aplicación da Lei de Memoria Histórica na Coruña, en colaboración coas asociacións memorialistas. Unha iniciativa que foi aprobada co voto do goberno local, pero que segue pendente de cumprirse.
Por iso, recollemos a proposta da CRMH para volver reclamar que se respecte a memoria democrática, tal e como se fixo no goberno da Marea Atlántica. Elimináronse das rúas e prazas da cidade nomes manchados de sangue, coma os de Millán Astray, Juan Canalejo ou División Azul, creouse, en 2018, o Consello da Memoria Democrática, e púxose en funcionamento a primeira Oficina de Atención ás Vítimas do Franquismo en Galicia.
O mencionado informe foille encargado ao Instituto Cornide polo Consello da Memoria Democrática do Concello, a finais de 2019, pero non saiu á luz ata novembro de 2021. Nese traballo, coordinado por Ana Romero Masiá, faise un repaso concienciudo á historia, e recomendase a retirada de honras a 14 persoas estreitamente relacionadas coa ditadura franquista e a súa represión, como Sergio Peñamaría de Llano ou Alfonso Molina.
Unha cita coa memoria democrática
O Roteiro da Vergoña celebrarase o sábado 19 de febreiro ás 12h, co saída da casa natal de Pedro Barrié de la Maza, en María Pita. Seguirá o seu percorrido pola de Alfonso Molina en Porta Real, o busto de Eduardo Sanjurjo de Carricarte, tras o pazo municipal, a praza Pintor Sotomayor, en Panadeiras, e a rúa Ambrosio Feijóo no lateral de Correos.
Estes cinco nomes figuran no estudo do Instituto Cornide, e recoméndase a súa retirada do rueiro por motivos ben claros, como recolle a moción da CRMH na súa parte expositiva.
Pedro Barrié de la Maza: “Papel destacado no apoio aos sublevados e na represión de traballadores da entidade que presidía [Banco Pastor], polo que se lle deben retirar os honores concedidos”.
Alfonso Molina Brandao: “Como presidente da Cámara de Propiedade iniciou procesos de depuración laboral, en cumprimento cos decretos da Xunta de Defensa Nacional. É, polo tanto, colaborador activo na represión e se lle deben retirar os honores concedidos e cambiar o nome da avenida”.
Eduardo Sanjurjo de Carricarte: “Ademais de participar na Guerra Civil en apoio dos sublevados, tamén participou en varios tribunais militares, na súa calidade de vogal poñente, na represión física do franquismo. Toda unha vida dedicada, como falanxista, a consolidar o franquismo, motivos suficientes para que se lle retiren os honores concedidos no seu día”.
Fernando Álvarez de Sotomayor: “Polo seu protagonismo e plena convicción a favor dos sublevados e a súa contribución ao triunfo do chamado Alzamiento Nacional, é candidato a que se lle retiren os honores concedidos polas corporacións municipais franquistas na ditadura”.
Ambrosio Feijoo Pardiñas: “A súa participación de forma activa na represión na Coruña e Asturias durante a Guerra Civil [presidiu como xeneral consellos de guerra] é motivo suficiente para que se aplique a actual Lei de Memoria Histórica para que se lle retire o honor de ter dedicada ao seu nome a céntrica rúa situada entre as avenidas da Mariña e do Porto da Coruña”.