BNG | nota de prensa

En resposta ao BNG, o goberno local indica que no seu momento procesal oportuno estudará reclamarlle á Fundación Manuel Piñeiro Pose o diñeiro retido indebidamente da Casa Escariz

“Non estamos neste momento procesal, estudarase cando teñamos a información que corresponda procesalmente”, responde o Goberno Local ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen inquirira o Executivo coruñés sobre se pensa reclamarlle á Fundación Manuel Piñeiro Pose as cantidades “cobradas e retiradas indebidamente” procedentes da Casa Escariz.

En resposta ao BNG, o goberno local indica que no seu momento procesal oportuno estudará reclamarlle á Fundación Manuel Piñeiro Pose o diñeiro retido indebidamente da Casa Escariz

A Coruña, a 18 de xaneiro de 2022. A Fundación Manuel Piñeiro Pose xestiona o legado da persoa que dá nome a esta entidade, quen deixou escrito no seu testamento que as rendas da coñecida como Casa Escariz –Payo Gómez 15 e Teresa Herrera 16- debían financiar o Hospital Municipal, descontada unha manda piadosa para sufragar misas na súa memoria e o coidado da súa sepultura.

Só existe constancia de esas rendas teren sido ingresadas no Hospital Municipal entre 1970 e 1984. O Hospital desapareceu en 1985. Durante estes anos e até hoxe, a Fundación Manuel Piñeiro Pose acumulou un patrimonio cuxos activos ascenden a 39 millóns de euros e en 2019 obtivo un beneficio de 915 mil euros.

O Concello –en virtude dun acordo da Xunta de Goberno de 10 de novembro de 2021- decidiu inscribir a Casa Escariz no rexistro da propiedade, respectando así a vontade do testador.

Mais fica pendente a reclamación das cantidades ingresadas pola Fundación –xestionada polos testamenteiros, o abade da Colexiata e os párrocos de Santa Lucía e San Nicolás- ao longo destes anos, o que motivou a pregunta de Francisco Jorquera á que agora dá resposta o Goberno Local.

O Executivo afirma que todo o coñecemento que ten sobre o patrimonio da Fundación Manuel Piñeiro Pose o obtivo a través “dos medios de comunicación”.

Preguntado por Jorquera sobre se mantivo conversas o Goberno Local cos testamenteiros de Piñeiro Pose, o Executivo coruñés responde que sempre pon o diálogo como “prioritario”. E en relación a establecer contactos coas persoas inquilinas da Casa Escariz, afirma que “non é o momento de facelo”, por “motivos legais”.

Canto aos usos futuros que o Concello poda darlle aos edificios de Payo Gómez 15 e Teresa Herrera 16, cuestión pola que tamén se interesaba Jorquera, o Goberno Local responde que ese asunto “está vinculado directamente cos prazos, e estes son difíciles de calcular neste momento”.

Contra a decisión do Goberno Local de inscribir a Casa Escariz no rexistro da propiedade, os testamenteiros argúen que non se pode dicir con certeza que o Concello sexa o herdeiro do Hospital Municipal, razoamento que -alega Jorquera- “carece de todo rigor tendo en conta que o centro sanitario carecía de personalidade xurídica propia e dependía para todo da Administración local”.

En resposta ao BNG, o goberno local indica que no seu momento procesal oportuno estudará reclamarlle á Fundación Manuel Piñeiro Pose o diñeiro retido indebidamente da Casa Escariz