Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica preguntará no Pleno pola discriminación ás mulleres no ciclo concertos do Estadio de Riazor
María García: “É incomprensible ter un festival sen unha soa artista feminina como cabeza de cartel, vindo dun Noroeste que chegou a ter maioría de mulleres nas súas actuacións”
O goberno municipal segue a incumprir de xeito sistemático a Ordenanza de Igualdade na Diversidade. O compromiso co feminismo demóstrase con feitos, non con declaracións
A Coruña, 29 de xuño de 2021.- A Marea Atlántica realizará no vindeiro Pleno unha pregunta oral para coñecer os motivos polos que o festival de concertos anunciado para o mes de xullo no Estadio de Riazor, o Riazor Live, discrimina ás mulleres ao non incluír nin unha soa artista feminina entre as cabezas de cartel. Trátase dun ciclo financiado en parte polo Concello, con cartos públicos, e que terá como sede unha instalación municipal, polo que non pode consentirse que discrimine ás mulleres desta forma.
Resulta moi grave que se anuncien seis concertos principais neste festival sen ningunha muller no cartel. É máis grave aínda é que a resposta da organización cando se lle sinala a carencia sexa que “hai algunhas teloneiras”, reservando para as artistas un papel subordinado. A total ausencia de bandas locais é tamén significativa, pois amosa un enorme desinterese por potenciar e dar a coñecer a escena musical coruñesa.
Para a nosa voceira, María García, “é incomprensible que se chegue a isto vindo dun Festival Noroeste que no mandato da Marea Atlántica chegou a ter maioría de mulleres nas súas actuacións e unha importante presenza de bandas locais, converténdose nunha referencia en todo o Estado”. E engade que “a volta dos concertos a Riazor, que debería ser un motivo de celebración, convértese nun paso atrás na presenza feminina sobre os escenarios musicais da Coruña”.
García lamenta este novo exemplo da “desaparición das políticas feministas no Concello da Coruña, non abonda con ter unha muller á fronte do goberno e dar discursos, é necesario actuar e loitar pola igualdade en todos os niveis”. Neste sentido, o caso do Riazor Live é unha mostra máis do incumprimento sistemático da Ordenanza de Igualdade na Diversidade por parte de Inés Rey e o seu executivo.
Inés Rey incumpre a Ordenanza de Igualdade
A Ordenanza de Igualdade na Diversidade do Concello da Coruña establece, entre outras cousas, a necesidade de manter unha presenza paritaria de mulleres en todos os órganos e eventos municipais. Foi deseñada durante o mandato de Xulio Ferreiro, e aprobada en Pleno o 3 de outubro de 2019, como parte dos acordos que asinaron a Marea Atlántica e o PSOE para a investidura de Inés Rey.
Desde aquel día, en lugar de aproveitar unha normativa pioneira en materia de políticas feministas, o goberno municipal incúmprea de forma constante. Case dous anos despois, non se reforzaron os recursos para atención ás vítimas de violencia machista, con longas listas de agarda no CIM. E, por primeira vez en décadas, o Concello non realizou actividades formativas para previr a violencia de xénero nas aulas escolares.
Tampouco se convocou o Consello Local de Igualdade nin a Comisión de Seguimento, previstos na ordenanza. Xusto ao contrario que o Consello de Deportes, ao que se lle dedicou unha forte atención propagandística, deixando claro que o feminismo non é unha das prioridades deste goberno.
Alén da ordenanza, Inés Rey incumpre todos os acordos asinados coa Marea Atlántica en materia de igualdade, Non se creou a Casa das Mulleres Marcela e Elisa para centralizar os servizos e recursos de Igualdade, pese a que o Orzamento ten fondos para redactar o proxecto. Non se aproveitaron os 50.000 euros para continuar coa Escola de Empoderamento Feminista, que no mandato anterior ofreceu formación e conferencias de figuras como Silvia Federicci.
Tamén quedou esquecida a creación do Observatorio de Igualdade na Coruña, desaproveitando 432.000 euros de fondos europeos FEDER conseguidos pola Marea Atlántica. O único que ofrece este goberno son discursos baleiros.