Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica preguntará no pleno pola municipalización da canceira municipal

O Centro Municipal de Acollida podería pasar a ser de xestión 100% pública e ser un foco de políticas de benestar animal e colaboración cos colectivos cidadáns
A Marea Atlántica preguntará no pleno pola municipalización da canceira municipal
20151202_SGR_cans_servigal_MG_2457
20151202_SGR_cans_servigal_MG_2457

As políticas de benestar animal tiveron pulo durante o mandato de Xulio Ferreiro, coma a eliminación das touradas, pero quedaron completamente conxeladas co goberno de Inés Rey 

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, denuncia que “o contrato do servizo de lacería e a xestión da canceira municipal leva en prórroga desde o 15 de outubro de 2021, unha prórroga que remata este ano sen que se iniciase a licitación do novo contrato". E engade que “o goberno de Inés Rey está unha vez mais demorando a modernización da xestión e a desaproveitar a oportunidade de municipalizala e convertela un foco das políticas de benestar animal”. No vindeiro Pleno, correspondente ao mes de marzo, a Marea Atlántica preguntaralle á alcaldesa polas súas previsións ao respecto. 

García lembra que en xaneiro de 2020, a Asociación Animalista Libera presentou 43.000 sinaturas pedindo unha xestión 100% pública do Centro Municipal de Acollida Animal, a denominación precisa da canceira, e reclámalle ao executivo local que non renuncie a este obxectivo. 

“Desde o refuxio municipal pódense facer políticas de loita contra o maltrato e o abandono, de fomento da adopción, de colaboración estreita coas asociacións animalistas e o voluntariado, así como mellorar as instalacións ou construír un refuxio para gatos ferais coma os doutras cidades”, explica García. 

Onde están as políticas animalistas do PSOE? 

As políticas animalistas foron un dos eixes do goberno de Xulio Ferreiro, comezando pola retirada do apoio ás touradas e ao uso de animais en espectáculos, chegando a ser recoñecida co Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber. Pero, como sucede con todo o relacionado coa Concellería de Medio Ambiente, esta liña de traballo quedou paralizada co cambio de mandato. 

Entre 2015 e 2019, A Coruña foi declarada Cidade Libre de Maltrato Animal e potenciouse a Patrulla Verde da Policía Local, unha unidade especializada nestes casos. Creáronse varias áreas de esparexemento canino e púxose en marcha o modelo de xestión ética das colonias felinas que Inés Rey está a desmantelar complicando o traballo das asociacións protectoras. 

Tamén se fomentou a adopción con diversas campañas, deixaron de exhibirse animais en catividade (como os paxaros de San Diego ou os parrulos de Santa Margarida) e aumentou nun 67% a entrega de cans extraviados ás súas familias. Desgraciadamente, ningunha destas liñas de traballo tivo continuidade na axenda de Inés Rey, a pesar de que si as levaba no seu programa electoral de 2019. “Está claro que se queremos un goberno que se preocupe polo benestar animal, vai ter que un goberno da Marea Atlántica con Xan Xove a partir de maio”, resumiu María García.

A Marea Atlántica preguntará no pleno pola municipalización da canceira municipal