Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica propón mudar o PXOM e limitar a edificación na contorna da Torre como demanda a veciñanza de Durmideiras
A conexión accesible entre Santo Amaro e a avenida de Navarra, a mellora do transporte público e a revitalización do mercado con novos usos foron tamén propostas moi reiteradas
A Marea Atlántica trasladará ao vindeiro Pleno, este xoves 2 de marzo, unha moción sobre as necesidades do barrio de Durmideiras, despois de que o noso candidato á Alcaldía, Xan Xove, visitase o barrio a semana pasada nun encontro organizado pola asociación veciñal e ao que acudiron máis de 50 persoas. Alí, escoitamos as súas demandas: accesibilidade, transporte público, novos usos para o mercado e suprimir a edificabilidade na contorna da Torre de Hércules que afectará ao barrio.
Xan Xove explica que “percibimos na xente unha gran preocupación polo desenvolvemento urbanístico na agra de Santo Amaro, e polo que poida chegar na canteira de Durmideiras e no resto da contorna da Torre de Hércules. Para evitalo, propoñemos que se aborde unha modificación do PXOM”. “De novo, como sucede en Visma e como sucederá en tantos outros lugares, estamos ante un urbanismo que nos chega desde os anos 90, sen pensar para nada na cidade de hoxe. Temos que facer políticas que beneficien a veciñanza, non só aos intereses das grandes promotoras”, engade o candidato.
Doutra banda, tamén recollemos unha demanda histórica e derivada da peculiar ubicación de Durmideiras: é preciso mellorar a accesibilidade e dotar o barrio de novas saídas. Por iso na nosa moción demandamos que se estuden todas as alternativas para conectar a rotonda da praia de Santo Amaro coa Avenida de Navarra, mesmo a través de elementos mecánicos coma a instalación de ascensores. Do mesmo xeito, é necesario mellorar a conexión a través do transporte público, aumentando a frecuencia e as liñas de bus.
Reforzar o mercado, o único equipamento do barrio
Outro problema histórico de Durmideiras é a falta de servizos e alternativas de ocio, sendo o mercado municipal practicamente o único equipamento de acceso publico do barrio. Durante o mandato da Marea Atlántica preparouse, deseñouse e conseguiuse financiamento europeo para a reforma deste mercado, que executou o goberno de Inés Rey. O problema é que non executou un plan de usos á altura do proxecto.
“O mercado ten potencial, pero está a medio gas, con postos sen cubrir, coa asociación veciñal agardando polo local que se lles prometeu e con negocios pendentes de licitación. Non pode ser que un barrio tan necesitado de servizos estea a ser tratado con este desinterese por parte do goberno local”, resume o noso candidato, Xan Xove.
Finalmente, na moción tamén demandamos un mellor servizo de mantemento das rúas, o arboredo, zonas verdes e alumeado, para ter un espazo público de maior calidade. E tamén a eliminación das plantas invasoras que están a colonizar a canteira de Durmideiras e outras zonas do barrio, antes de que sexa inviable erradicalas.