BNG | nota de prensa
O BNG pídelle ao goberno local que actúe ante a evidencia da existencia de restos da fonte de Santo Amaro, negados nos informes dos promotores da urbanización
A Coruña, a 27 de febreiro de 2023. O asunto vaino abordar Avia Veira no Pleno deste xoves 2 de marzo en forma de pregunta oral ao Executivo coruñés.
“Ímoslle preguntar ao Goberno Local se considera que o proxecto de urbanización de Santo Amaro protexe axeitadamente o patrimonio cultural e natural”, avanza a nosa concelleira, quen salienta que no Pleno de febreiro se aprobou unha moción do BNG que instaba o Executivo coruñés a protexer e difundir “todo o que foi Santo Amaro no seu día”. “Un lugar sacro, cheo de patrimonio inmaterial, un espazo de encontro social arredor dos lavadoiros, da capela, as merendiñas e a Fonte do Picho”, refire a concelleira nacionalista.
En concreto, o BNG quere saber se o Goberno Local concorda co estudo de impacto cultural encargado polos promotores da urbanización. “Para nós hai partes deste estudo que son un auténtico insulto á intelixencia, nomeadamente cando nel se afirma que a prospección superficial do terreo non ofreceu resultados positivos” a respecto da existencia ou non de restos da Fonte do Picho.
“É un insulto á intelixencia porque basta con baixar uns metros alén da ubicación orixinal da fonte para vermos por onde a auga se abre paso e aflora á superficie”, indica Veira.
A concelleira recoméndalle ao titular de Urbanismo do Concello, Francisco Denís Díaz Gallego, a que “faga o que facían os anteriores ocupantes do Cuartel de Intendencia, onde el agora ten o seu despacho, e que se achegue as augas de Santo Amaro para comprobar in situ que, efectivamente, estar, están”.
Para o BNG, o conxunto do estudo de impacto cultural está baixo sospeita, cando “fallou nalgo tan obvio” como a existencia de restos da Fonte do Picho. “Cremos que o Goberno Local ten que facer informes propios antes de permitir que se destrúa o patrimonio da cidade”, conclúe Veira.