Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que solicite as axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral

Despois de tres anos sen subvencións para as ARI, e de non convocar nin axudas con fondos do Concello ata decembro de 2020, pedímoslle ao PSOE que reactive a área

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que solicite as axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral

María García: “A rehabilitación é beneficiosa en moitos ámbitos: mellora as vivendas, frea o deterioro dos barrios e reduce o consumo enerxético. Debe ter a máxima prioridade”

A Coruña, 23 de setembro de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, insta ao goberno municipal a reactivar a área de rehabilitación en Urbanismo e solicitarlle canto antes á Xunta axudas novas para Áreas de Rehabilitación Integral na Coruña. As últimas que se convocaron foron en 2018, baixo o mandato de Xulio Ferreiro. Como sinala, “en 2020 nin sequera se convocaron as axudas con fondos propios do Concello ata decembro, deixando un ano en branco en lugar de fomentar a recuperación de inmobles como un xeito de apoiar o dereito á vivenda e xerar actividade económica”.

García explica claramente que “a rehabilitación é unha política clave nun Concello, beneficiosa en moitos ámbitos: mellora a habitabilidade e o confort de vivendas antigas, habitualmente propiedade da clase traballadora, permite aforrar enerxía e loitar contra a emerxencia climática, mobiliza vivendas baleiras en desuso, frea o deterioro dos barrios e os conflitos que del se derivan. Debería ter unha prioridade altísima, pero o goberno local prefire contentar ao sector inmobiliario con novas promocións antes que atender aos barrios”.

Así, no pasado mandato impulsáronse as ARI das Casas de Franco (O Ventorrillo), o Grupo María Pita (Labañou) e a Cidade Vella e Peixaría (ámbito PEPRI). dentro das axudas do Plan Estatal de Vivenda, que continúa tramitándose hoxe. A nosa portavoz lamentou que o goberno se escuse nun suposto “atasco” burocrático para renunciar a impulsar novas ARI. “A maioría das subvencións non se pagan no ano no que se solicitan, xa que son procesos longos que precisan de licenza de obra para ser aboadas. Neste sentido, é habitual que se tramiten expedientes de anos previos, pero a solución é manter o traballo en marcha, non deixar de facer convocatorias novas”, argumenta María García.

Neste sentido, cómpre sinalar que o grao de execución das axudas á rehabilitación en 2019, o primeiro ano do PSOE, é case a metade que en anos anteriores: foi do 25,89%, fronte ao 44,03% de 2018. Non hai, polo de agora, datos de 2020, que como sinalamos foi un ano sen novas convocatorias de subvención.

Dous tipos de axudas á rehabilitación

Existen dous tipos de axudas á rehabilitación: as que outorga o Concello con fondos propios e as Áreas de Rehabilitación Integral, que forman parte do Plan Estatal de Vivenda e que contan con achegas da Xunta e o Estado, aínda que o goberno local é quen as solicita e propón. E iso non sei fai desde 2018.

Ademais, o goberno de Inés Rey non convocou as axudas con fondos propios, para as que tiña fondos no orzamento, ata decembro de 2020, case dous anos despois da súa chegada ao goberno, e só para obras de accesibilidade e eficiencia enerxética. Os trámites administrativos poderían terse realizado a pesar da pandemia, pero o PSOE non quixo facelo. Ao contrario, en setembro de 2020 aprobou unha modificación da ordenanza de rehabilitación que reduce a contía das axudas e a fai uniforme para toda a cidade, sen diferenciar as zonas con maiores necesidades.

Durante o mandato da Marea Atlántica, estas subvencións viron elevadas as súas contías e simplificados os trámites para solicitalas, introducindo tamén criterios de renda. Poden pedirse para renovar cubertas, fachadas, portais ou outras zonas comúns en edificios, ou para a mellora de vivendas coa mesma antigüidade, así como para a instalación de ascensores e outros elementos que faciliten a mobilidade. Tamén poden destinarse a melloras na eficiencia enerxética, reducindo o consumo eléctrico e axudando a frear a emerxencia climática.


 

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que solicite as axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral