Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica urxe ao goberno local a executar o orzamento pactado para políticas de vivenda
A menos dunha semana de comezar o último trimestre do ano, pouco ou nada se sabe dos máis de 9 millóns incluídos nas contas municipais a iniciativa do noso grupo municipal
A Coruña, 22 de agosto de 2022.- A Marea Atlántica quere amosar a súa preocupación ante a falta de de execución no que respecta ás políticas municipais de vivenda, e urxe ao goberno local a activar devanditas medidas, para as que se pactaron máis de 9 milóns como parte do acordo para a aprobar os orzamentos 2022.
Como sinala o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez: “A política de vivenda ten que ser prioritaria para calquera goberno decente. Estamos a ver como se incrementan os prezos de aluguer e se multiplican as vivendas de uso turístico mentres os colectivos vulnerables teñen cada vez máis dificultades para acceder a un teito. Foi xa en decembro do ano pasado cando asinamos o acordo para poñer en marcha un plan ambicioso, dotado con 9 millóns de euros para adicar a políticas municipais de vivenda, que puxemos como condición ineludible para aprobar os orzamentos deste ano. A piques de entrar no noveno mes do ano, pouco se sabe da súa execución”.
Un acordo polo dereito á vivenda
Ante a dificultade de acceder á vivenda a Marea Atlántica presentou unha serie de iniciativas co obxectivo de impulsar, dende o eido municipal, medidas con capacidade para aliviar a situación: a adquisición pública de inmobles para poñelos en circulación a prezos razoables, a construción de máis vivenda para aluguer social ou comezar a regular os pisos turísticos forman parte medidas incluídas no acordo.
Agás tímidos avances nas vivendas municipais de Marqués de Pontejos e Xuxán, dous proxectos impulsados polo goberno local da Marea Atlántica, e o reforzamento da bolsa de aluguer de EMVSA, outro programa herdado do pasado mandato, pouco máis se sabe dese paquete de políticas e investimentos. Nin se abordou a regulación das vivendas turísticas nin está en marcha a redacción do Plan Municipal polo Dereito á Vivenda nin se iniciaron os concursos para reforzar o parque municipal coa adquisición de pisos, edificios e soares.
“Vimos de coñecer o fracaso da terceira edición do programa Rexurbe da Xunta de Galicia, mentres que os 2 millóns que acordamos para compra de inmobles no Concello están aínda sen tocar. Estamos nun contexto moi duro e ter un teito é cada vez máis complicado na Coruña, é urxente que a alcaldesa reaccione e active canto antes estas iniciativas; non hai escusa”, conclúe o edil Iago Martínez.
Neste sentido, para o vindeiro Pleno de setembro, Marea Atlántica rexistrará unha batería de preguntas para coñecer en detalle cales son os motivos para esta parálise, o grao de cumprimento dos acordos e o seu nivel de excución orzamentaria.