Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica votará en contra de subirlle o soldo en 9.000 euros anuais ao xerente do Consorcio de Turismo
Alberto Lema: “É un escándalo que un xerente que non cumpriu ningún dos seus obxectivos pretenda aumentar o seu salario nun 15% con cartos públicos”
A Marea Atlántica votará en contra de subirlle o soldo en 9.000 euros anuais ao xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Naranjo, asunto que se levará o venres 22 de xullo á Xunta de Goberno deste organismo municipal, por iniciativa do propio Naranjo, que pretende aumentarse o salario, aproximadamente, duns 60.000 euros ao ano ata 69.000.
Alberto Lema, representante da Marea Atlántica no Consorcio, afirma que “é un escándalo que na situación actual, con cada vez máis persoas chegan con apuros a finais de mes, un xerente que non cumpriu ningún dos seus obxectivos pretenda subirse o soldo un 15%, completamente intolerable. Hai usos moito mellores e urxentes para os recursos públicos nun momento coma este”.
En agosto cúmprese un ano do nomeamento irregular de Moisés Naranjo como xerente do Consorcio, denunciado por toda a oposición. E a súa etapa caracterizouse pola aposta por modelos insostibles e de dubidoso rendemento para a cidade. É o caso do fomento dos pisos turísticos, cuxo impacto é moi negativo nos barrios e mesmo no sector hoteleiro tradicional (mentres concellos como Santiago ou Oleiros apostan por poñerlles freo). Ou o fomento desmedido dos cruceiros, con ocorrencias coma instalar unha estación marítima nos Cantóns, e de novo contra a tendencia de regular os seus atraques que están a marcar as cidades máis afectadas pola súa masificación.
Pésimos resultados en Alvedro
Naranjo chegou prometendo o rexurdir do aeroporto de Alvedro, pero doce meses despois segue a ter os peores resultados dos tres aeroportos galegos. Así, os datos de Alvedro en xuño amosan que os últimos destinos internacionais non están a funcionar, cunha ocupación por baixo do 40% na conexión con Orly (de cuxas malas previsións xa advertiramos) e co enlace con Londres-Gatwick dando un rendemento moito peor que o de Heathrow. Financiar desde o Concello este tipo de enlaces con cartos públicos carece de sentido.