BNG | nota de prensa
O goberno local non acaba de elaborar o documento que regule as características dos toldos da Cidade Vella
A Coruña, a 12 de xullo de 2022. “Estase elaborando un documento que será posto en común cos axentes mencionados [o tecido económico ao que se refería Veira no texto da súa pregunta por escrito] e outros interesados, en canto exista un borrador completo”, di o Goberno Local.
O problema é que o Executivo coruñés, como remarcaba na súa pregunta Avia Veira, xa anunciou en decembro de 2021 que aprobaría o devandito proxecto nunha Xunta de Goberno Local a se realizar en datas próximas, o que non aconteceu.
A ausencia dun documento que regule o formato dos toldos da Cidade Vella (estes elementos deben ter unhas características especiais dado que se trata dunha zona da Coruña cunha especial protección derivada do seu PREPI) está a resultar en que varios locais foron apercibidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.
O propio Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI= da Cidade Vella explicita no seu artigo 47 que para a regulación dos elementos do mobiliario urbano sería precisa a redacción dun ou varios proxectos específicos.
Este asunto xa foi levado a Pleno polo BNG en forma dun rogo por medio do cal se instaba o Goberno Local a que elaborase de vez ese documento e que o fixese en diálogo co tecido económico da Cidade Vella.