Marea Atlántica | nota de prensa
María García: “Se Inés Rey quere ser fiel ao mandato das urnas, ten que negociar coa Marea Atlántica e gobernar para as maiorías sociais”
A voceira da Marea Atlántica fixo balance dos dous anos de mandato do PSOE, e lamentou “que cando a alcaldesa fala de oportunidades para a xente se refira a licenzas de obra”
Poderiamos estar a celebrar que temos unha empresa eléctrica municipal ou novos descontos no billete de bus, en lugar de pelotazos coma en Percebeiras ou na Maestranza
A Coruña, 16 de xuño de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para facer balance do mandato de Inés Rey, cando se cumpriu o segundo aniversario da súa investidura. Lamentou a “fuxida cara adiante” na que a alcaldesa leva instalada desde 2020, incluíndo unha tránsfuga no seu goberno, renunciando a negociar uns orzamentos e fiando todo ao ladrillo e aos pelotazos inmobiliarios, coma en Percebeiras ou, segundo vimos hoxe, na Maestranza.
“Se Inés Rey quere ser fiel ao mandato das urnas, ten que mudar o rumbo e dialogar coa Marea Atlántica, o único grupo co que suma unha maioría absoluta pola esquerda. Pero dialogar en serio, non para a foto, non para asinar e esquecerse ao día seguinte. Non vai ser doado despois do último ano, e da longa lista de incumprimentos que acumulamos, pero é posible”, resumiu a nosa voceira.
“Vivimos un tempo marcado pola pandemia, pero a pandemia non pode ser escusa para non gobernar. Ao revés, déixanos unha crise que esixe redobrar os esforzos desde as institucións. E a resposta de Inés Rey foi deixar A Coruña sen uns orzamentos, tardar seis meses en aprobar un novo Presco e apostar todo ao ladrillo”, resumiu María García.
García lembrou que cando o goberno chega a acordos coa Marea Atlántica e os respecta, apróbanse medidas como facer gratuítas as Escolas Infantís Municipais. De ser esa a liña, “hoxe poderíamos estar a celebrar que temos unha empresa eléctrica municipal para conter a suba da luz e apostar polas renovables, unha Renda Social ampliada para chegar a máis persoas ou unha piscina de xestión pública no Castrillón. Poderíamos contar con novos descontos no billete do bus ou cun programa para Mover os Baixos, rescatar os locais baleiros e xerar emprego nos barrios”. En lugar diso, hai unha axenda ben distinta.
O diálogo, moi anunciado e pouco practicado
Hai abondosos exemplo da “preocupante” axenda política que está amosar o goberno do PSOE coruñés. “Temos unha alcaldesa que cando fala de oportunidades para a xente se refire a dar licenzas de obra, ou que cando lle preguntan polas súas medidas contra o cambio climático fala da roseira dos Cantóns”, citou María García. Tamén lamentou que sexa máis doado ver a Inés Rey nun acto relixioso que nunha manifestación convocada por 70 entidades cidadás en defensa do porto, e que fala de feminismo pero non desenvolve políticas polos dereitos da muller, tendo a Ordenanza de Igualdade sen cumprir.
Cando fala de “diálogo”, a alcaldesa faino coma unha marca publicitaria, pero non o practica. Nin coa oposición, coa que leva dous anos sen manter unha xuntanza, nin coas entidades cidadás. Pola contra, o goberno si se reúne cos promotores inmobiliarios para “adaptar” o urbanismo da Coruña ás súas necesidades.
Esta falta de diálogo fica clara no caso do futuro dos peiraos, onde, como dixo a nosa voceira, “a alcaldesa vai por libre, afastándose dos consensos dos últimos anos, e sen buscar apoio nin do resto da Corporación, nin da cidadanía e as entidades que conseguiron que se cuestionen os convenios de 2004 e se estea a falar dun novo horizonte litoral”. E engadiu que “igual que con Paco Vázquez, o futuro estase a decidir a porta pechada. Hai présa pola foto, pero é que esa foto pode ser a da venda dos peiraos”.
Desde a Marea Atlántica mantemos unha postura crítica, pero escoitamos o mandato da veciñanza e poñemos sempre os intereses da Coruña por diante dos individuais. Non aplicamos o bloqueo permanente que sufrimos durante catro anos. Facilitamos a aprobación dos orzamentos, das ordenanzas fiscais, do Presco 2020 e doutras actuacións beneficiosas para a cidade. “Estamos a tempo de reconducir a situación, pero é necesario un cambio de rumbo e un diálogo sincero”, celebrou María García.
Chega outro pelotazo na Maestranza
María García tamén amosou a preocupación da Marea Atlántica polo cambio urbanístico que se prepara na Maestranza, “onde se anunciou unha redución de edificabilidade que non existe, e onde a única certeza que temos agora mesmo é que se queren construír dous mamotretos en dúas parcelas moi sensibles”. Criticou que “en lugar de protexer un espazo singular, preto do mar e que alberga restos arqueolóxicos da muralla, vaian levantarse aí dous enormes edificios de vivendas, superando as alturas dos xa existentes”.
Das permutas coa construtora para edificar outras parcelas, non hai máis proba que as declaracións do goberno municipal. “O único que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno foi un estudo de detalle que non muda para nada a edificabilidade prevista. E non se responderon as preguntas sobre como, cando e onde se poderían trasladar os dereitos da construtora para edificar. Cremos, en calquera caso, que non se debería compensar á empresa pola edificabilidade que perda para protexer ás murallas", explicou García.
Por outra banda, o Concello debería abordar a modificación do PEPRI, que ordena esta zona ao vello estilo vazquista dos anos 90, con tipoloxías obsoletas e sen ningún respeto polo emplazamiento singular donde se atopa.