Investigación sobre os crimes do franquismo
“O mellor que podemos facer desde España pola querela arxentina é non estorbar”, di o ex maxistrado López Keller
A avogada Ana Messuti e o ex maxistrado López Keller criticaron a obstrución da xustiza do Estado español á investigación arxentina sobre os crimes do franquismo nunha charla na Casares Quiroga.
Erik Dobaño
A querela arxentina é o expediente 4591/2010 de 23.000 folios en 90 tomos no que se xulga un plan sistemático e xeneralizado de represión e exterminio dos opositores políticos por parte do réxime franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977. A causa séguese no Juzgado Nacional en lo Criminal y Correccional Federal Nº1 de Buenos Aires, República Argentina.
A querela arxentina é a oportunidade que concede o dereito internacional ás vítimas de seren escoitadas fronte ao silencio de décadas no Reino de España que a xustiza española se empeña en manter.
“O mellor que podemos facer desde España é non estorbar, botarnos a un lado e colaborar coa xustiza arxentina segundo contemplan os tratados”, dixo Carlos López Keller, ex maxistrado e membro de Jueces para la Democracia, que onte concluíu a súa intervención na charla sobre os dereitos humanos das vítimas do franquismo lendo a resposta da súa asociación trala decisión da Fiscalía General del Estado de ordenar aos xulgados españois que se opoñan ao auxilio solicitado pola xuíza María Servini. Nesa resposta, os xuíces denuncia o abandono da xustiza española ás vítimas mentres segue habendo miles de persoas enterradas en fosas comúns.
“A Lei da Memoria Histórica é moi cutre e limítase a privatizar a busca e localización dos desaparecidos”, subliñou López Keller despois de facer un repaso á lexislación española apuntando algunhas posibles vías para xulgar delitos permanentes -“eses que non poden prescribir pola propia natureza das cousas sendo realidades anteriores aos tratados internacionais que estes se viron na obriga de recoñecer”- antes de rematar lamentando “o que puido ter sido e nunca será”.
O maxistrado deu paso a intervención de Ana Messuti, avogada das vítimas, ante máis de medio cento de persoas que se reuniron na Casa Museo Casares Quiroga convidadas pola CRMH da Coruña e o Foro Cívico. Messuti, que traballou nas Nacións Unidas en Xenebra e desde fai algúns anos estableceuse en España, comezou situando os casos de xenocidio e crimes de lesa humanidade no eido do dereito universal porque se trata de circunstancias que deben evitarse desde a comunidade internacional ante a indefensión dos cidadáns fronte ao Estado. Messuti aludiu aos estudos de Francisco de Vitoria e Francisco Suárez para explicar que o dereito universal está “asentado hai moito tempo” e “traslada á persoa do campo da soberanía territorial ao campo internacional” coa intención de impedir o abuso do dereito por parte dos Estados, para que “o dereito non se converta nunha arma de inxustiza”. Os franceses, anotou a avogada, chámanos “crimes da Historia”.
A historia da querela arxentina empezou a ser escrita por Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937. “O que me ensinaron Darío e todas as vítimas é que hai outra función do dereito penal máis alá da punitiva, que as vítimas non poden ser apartadas como ocorre no dereito penal dos Estados, que deben ser a figura central. E mesmo que non resulta decisiva a presenza de quen cometeu o delito e por iso consideramos que debíamos ir adiante con máis de 300 querelantes a pesar de ter apenas 19 posibles imputados”, dixo Messuti. E engadiu: “a nosa primeira pregunta a Darío e a cada vítima foi: que persigue? A resposta é que queren que os crimes se coñezan nun tribunal penal, porque os xornalistas e os historiadores xa o entrevistaran. O que ofrece pois a querela arxentina é un foro penal no que as vítimas poidan exteriorizar, contar o que sucedeu. Para que quede rexistrado na memoria xurídica como crime”.
Messuti citou despois a Borges, “todo un idioma común nos separa a españois e arxentinos”, para expresar a frustración que sentiu nas vistas das extradicións na Audiencia Nacional en Madrid cando o fiscal utilizou os argumentos da defensa para reafirmar a postura do Estado español contra a petición de Servini.
A querela dá dous pasos adiante e un atrás, recoñeceu a letrada que relatou brevemente os fitos do proceso sen escondela súa admiración polas vítimas, persoas de idade que mesmo viaxaron até Arxentina para declarar, e pola porfía da xuíza Servini. O último paso vai cara adiante. Hoxe mesmo un xulgado en Euskadi tomará declaración a un dos querelantes, o día 21 haberá outra tamén en Euskadi. Algúns concellos tamén empezan a moverse en apoio á querela. Sucede aquí mesmo, na Coruña e a súa contorna. E moi pronto haberá novas adhesións desde Galiza á querela. A viaxe de Messuti serviu como testemuño e aguillón. Ela, delicada e firme, non parará de loitar. Deixouno dito.