A Fenda: nota de prensa
Presentación de A Fenda: un novo espazo socialista na Coruña
O sábado 14 de setembro, ás 18:00 horas, a cidade da Coruña será testemuña da inauguración de A Fenda, o primeiro espazo na Galiza que xorde baixo a estratexia socialista promovida por Creba Socialista. Situado na Rúa Luis de Camoens, 4, este novo espazo ten como obxectivo converterse nun referente na organización da clase traballadora para combater a explotación e promover a súa independencia política.
A xornada de inauguración dará comezo cunha charla ás 18:00 horas, na que se abordará a problemática da vivenda na Coruña, unha cuestión urxente para moitos cidadáns que ven como o acceso á vivenda se complica día a día. Máis tarde, ás 19:30 horas, procederase á presentación formal de A Fenda, onde se detallarán as propostas de Creba Socialista para o control de espazos e como este proxecto se insire dentro da súa estratexia xeral.
O acto culminará cunha cea ás 20:30 horas, onde se prevé un ambiente de camaradería e debate sobre o futuro da organización e a loita pola emancipación da clase traballadora.
O proxecto de A Fenda nace no marco do Movemento Socialista e busca ser un lugar de encontro e organización para aqueles que loitan contra as inxustizas sociais e económicas. Este espazo non é un proxecto illado, senón parte dunha ampla rede de espazos socialistas que comparten a mesma estratexia de loita e resistencia contra a explotación capitalista. A súa misión é clara: avanzar cara a un futuro no que a clase traballadora sexa dona do seu destino.
Con esta iniciativa, Creba Socialista aspira a consolidar un punto de referencia na Coruña para aqueles que buscan organizarse e tomar parte activa na construción dun proxecto político e social máis xusto e igualitario.