Deportivo da Coruña

Presentado o Dépor Innovation Center

O auditorio do edificio de ABANCA SEGUROS na Mariña da Coruña acolleu esta mañá a presentación do Dépor  Innovation Center, proxecto desenvolvido nos últimos meses desde a Fundación RC Deportivo.
Presentado o Dépor Innovation Center
int
Presentación do Dépor Innovation Center

O presidente da Fundación e do propio RC Deportivo, Antonio Couceiro, e a concelleira de deportes do Concello  da Coruña, Mónica Martínez, foron os encargados de dar a benvida ás case 100 persoas que, en  representación de 40 institucións e empresas, déronse cita no evento ao longo da mañá. 

O acto comezou coa presentación dos obxectivos e programas sobre os que está a traballar o Dépor  Innovation Center da man do seu responsable, Nacho Lourido, director de tecnoloxía analítica e deportiva do  RC Deportivo, antes de avanzar o seis proxectos cos que se puxo en marcha hai uns meses. Os responsables deses proxectos cos que está a traballar o Dépor Innovation Center foron os encargados de mostrar a  evolución dos seus traballos: InstaScout (Antonio Floro), Yoomedoo (Marco Gómez), Scout Analyst (Jesús  Lagos), Soccer System (Gregori Ortanobas) e Debullar (Borja Pérez), os catro primeiros enfocados á parcela  deportiva e o último á experiencia da afección. 

Após a análise deses proxectos baixo o paraugas do Dépor Innovation Center, a xornada continuou con dous  debates moderados polos responsables de Hubin, Diego Laso e Lalo García, respectivamente. O primeiro ao  redor da "Dixitalización do fútbol formativo" coa participación de Nacho González (RC Deportivo), Marian  Mouriño (GS360), Antonio Floro (InstatScout), Amancio Varela (RFGF) e Nacho Lourido (Dépor Innovation  Center). Antes do peche por parte do director xeral do RC Deportivo, David Villasuso; Carlos Cantó (RC  Deportivo), Carlos Cao (RC Celta), Massimo Benassi (RC Deportivo) e Gregori Ortanobas (Soccer System)  debateron sobre a materialización de proxectos baixo o epígrafe “...da ideación á implementación”. 

Con esta xornada o Dépor Innovation Center xa é unha realidade pública dentro da estrutura de traballo da  Fundación RC Deportivo: https://www.rcdeportivo.es/rcdeportivo/fundacion/depor-innovation-center, nun  proxecto que busca non só a sustentabilidade económica senón converterse a medio prazo nunha nova  unidade de negocio do RC Deportivo, ademais de dar servizo e soporte a todos os equipos de fútbol formativo,  profesional e a afección do Club.

Presentado o Dépor Innovation Center