Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica urxe ao goberno local a abrir canto antes o polideportivo do Castrillón

Xa non hai escusas para a demora. Desde o mes pasado a empresa municipal conta cos fondos suficientes para rematar os traballos no pavillón
A Marea Atlántica urxe ao goberno local a abrir canto antes o polideportivo do Castrillón
20220708_SGR_castrillon_Z7F6094
María García e Iago Martínez con membros da Asociación Veciñal do Castrillón-Urbanización Soto IAR

María García e Iago Martínez  reuníronse hoxe coa Asociación Veciñal do Castrillón para falar sobre a situación do barrio

8 de xullo de 2022.- A voceira e o vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, mantiveron hoxe unha xuntanza coa Asociación Veciñal do Castrillón-Urbanización Soto IAR para analizar as necesidades do barrio e trasladarlles os últimos avances cara a apertura do polideportivo e a súa piscina, instalacións que acumulan máis dunha década de atraso. 

O pasado 16 de xuño, cos votos da Marea Atlántica e o goberno local,  aprobouse  unha ampliación de capital de 830.000€ na empresa municipal EMVSA, responsable das obras do polideportivo. "Cos fondos sobre a mesa, xa non hai escusa para non contratar o persoal e realizar os traballos necesarios para inaugurar o equipamento do Castrillón. O goberno local prometera abrilo no primeiro semestre do ano, unha promesa á que xa chega tarde", sinalou García.

Nada se sabe, tampouco, do contrato para xestionar estas instalacións, que o executivo municipal quere deixar en mans privadas e conxuntamente co polideportivo de San Diego. "Trasladámoslle á asociación veciñal a nosa preocupación polo atraso na tramitación, da que hai un ano que non se sabe nada, e reiterámoslles a nosa aposta pola xestión municipal directa. A situación nas bibliotecas, co persoal sen cobrar, deixa claros os problemas de externalizar", argumenta a nosa voceira.

A veciñanza do Castrillón leva anos reclamando por este polideportivo, que dará servizo a un barrio onde os equipamentos escasean. Desde a Marea Atlántica, reclamámoslle ao goberno local que axilice ao máximo a apertura destas instalacións, e que reconsidere a opción de xestionalas de forma directa e 100% pública.

A Marea Atlántica urxe ao goberno local a abrir canto antes o polideportivo do Castrillón