Asociación Veciñal Labañou
Volve a Festa dos Porcos aos barrios de Labañou e San Roque de Fóra
A carón da antiga capela festexábase a romaría, coincidindo co San Antonio, e disque foi arredor dos anos 60 cando deixou de celebrarse.
Despois da súa recuperación, no 2019, a festa regresa cargada de forza coa presenza de artistas locais de renome que amenizarán a xornada, confluíndo nun encontro festivo da veciñanza dos barrios.
A romaría volverá á vida na Praza da Tolerancia, que albergará o evento coma noutrora facía o adro da antiga igrexa de San Roque, xa desaparecida.
Cántigas da Terra abrirá a xornada ás 12:00h, cunha ruada chea de música que percorrerá a Avda. de Gran Canaria desde a praza Torrente Ballester ata a Tolerancia, fin do traxecto e escenario da actuación musical da banda, que incluirá coro e baile.
O pregón terá lugar ás 13:15h e correrá a cargo de Chus Castro, xornalista da Radio Galega ata fai pouco e integrante, na actualidade, do grupo “Solidarios cos Maiores”, que será a responsable de anunciar o inicio oficial da festa.
Ás 13:30h dará comezo o concerto da Banda de Música de Arzúa, constituída por cincuenta instrumentistas que amenizarán a sesión vermú cun repertorio pop - rock dos anos 70, 80 e 90.
Á tarde, a festa continuará ás 19:30h coa actuación de Sue Moreno 4.0, espectáculo para gozar en familia que mestura técnicas aéreas de circo nunha estrutura de seis metros de altura con cancións e teatro físico, no que o humor tamén estará presente.
Ás 20:30h Femininoplural, con Silvia Penide e Carla López, renderá homenaxe ás mulleres autoras interpretando temas creados por todas elas, autoras universais que tantas veces permaneceron nun segundo plano.
No solpor, ás 22:00h, a Galicia tropical estourará cos acordes do grupo ourensán Sonoro Maxín. Será obrigado gastar pista ao son dun repertorio con raíces na música popular de diversos lugares do mundo.
Para continuar no baile, ás 00:00h, Berto poñerá o broche final a esta xornada festiva con músicas impregnadas de pop electrónico e cheas de ritmo que farán vibrar a praza da Tolerancia coma noutrora tremía o San Roque das cuchiqueiras.