escolas infantís
Xan Xove aposta por reverter os recortes de Inés Rey na rede de escolas infantís e impulsar A Coruña como Cidade para a Infancia
Apostamos pola protección da infancia como enfoque transversal: camiños escolares seguros, alimentación saudable nos comedores, reforzo das escolas infantís e atención á saúde mental
Xan Xove: “Unha cidade pensada para as nenas e os nenos remata por ser unha cidade máis habitable para todo o mundo”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía nas eleccións do vindeiro 28 de maio, propón reforzar as políticas educativas do Concello e “facer da Coruña unha Cidade para a Infancia, é dicir, unha cidade máis amable e habitable para toda a veciñanza”. Por iso fixo unha proposta transversal que inclúe a mellora e ampliación da rede de escolas infantís municipais, a creación de camiños escolares seguros, alimentación saudable nos comedores escolares e atención á saúde mental na infancia e a mocidade, entre outras cuestións.
Xove participou esta semana nun encontro sectorial con entidades relacionadas con ensino, representantes da universidade e de ANPAs de colexios públicos da Coruña, que trasladaron as súas demandas e preocupacións, e ás que lles fixo chegar esta proposta Cidade para a Infancia, que resultou moi ben recibida. Estivo acompañado por dúas das máis recentes incorporacións á lista da Marea Atlántica, Mariló Candedo e Araceli Serantes, e pola concelleira Silvia Cameán, responsable de Educación no goberno de Xulio Ferreiro.
Unificar a rede de escolas infantís públicas
Así, o primeiro compromiso do candidato é reverter os recortes que Inés Rey fixo na rede de escolas infantís municipais, que remata o mandato cun centro menos e 95 prazas menos que cando comezou. “Temos que facer un esforzo por integrar os centros da Xunta na rede municipal, para unificar o servizo e simplificar os trámites. E temos que construír novos centros para chegar a toda a cidade, comezando por Xuxán, o barrio máis novo da Coruña, onde debe poñerse en marcha un equipamento que combine escola infantil e centro de día. Foi pactado nos Orzamentos 2022, pero o PSOE non foi quen cumprir”.
Silvia Cameán sinalou que “Inés Rey chegou á Alcaldía prometendo dúas novas escolas infantís municipais no Castrillón e en Monte Alto, e pactou outras dúas coa Marea Atlántica, en Xuxán e Vioño. Catro anos despois o que fixo foi perder a Carmen Cervigón en Labañou, que pasou a ser privada,