Non discriminación
Xan Xove impulsará un protocolo municipal para a loita contra a discriminación cara o colectivo LGTBIQ+
Xan Xove propón a creación dun protocolo municipal para coordinar as administracións e as entidades sociais que traballen no apoio ao colectivo, para abordar os casos de vulneración de dereitos por mor da orientación sexual e a identidade de xénero e para facer fronte ás situacións de violencia.
“O obxectivo desta mesa de coordinación será traballar conxuntamente coa sociedade civil para facilitar os recursos que precisen as vítimas, acompañalas e buscar xeitos de reparar o dano”, aclarou Xove.
A asociación ALAS, responsable do Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia, vén de presentar o seu informe do ano 2022, onde se detectaron 32 incidentes de odio cara a comunidade LGTBIQ+ na cidade. Aínda que é certo que hai unha leve diminución con respecto ao ano anterior, hai que seguir traballando ata que as agresións desaparezan.
Xan Xove non quixo esquecer a Samuel Luiz Muñiz, o mozo que foi asasinado a golpes en pleno centro da cidade, entre berros de “maricón”. Este brutal acto de homofobia marcou a toda a cidade. Por iso, Xan Xove afirmou que desde o Concello quere facer todo o posible para que esta barbarie non volva repetirse e para amosar todo o seu apoio ao colectivo LGBTIQ+.
Entre os dez compromisos pola comunidade LGBTIQ+ da Coruña, propostos pola asociación ALAS, destacan a devolución do carácter reivindicativo á celebración do Orgullo e a colaboración coas entidades sociais. Tamén propoñen facilitar recursos de apoio e ofrecer formación para a atención á diversidade.
O plan de Xan Xove para loitar contra a discriminación cara o colectivo LGTBIQ+ é ambicioso e necesariamente deberá ser implementado de forma urxente. É necesario que se traballe dende todas as administracións e dende a sociedade civil para que a discriminación e a violencia sexan cousas do pasado.