Axenda Cultural

Sonia Lebedynski presenta o seu primeiro disco en solitario "Deserto de centos" no Ágora

O venres 26 de outubro ás 21h no Centro Ágora, terá lugar o AgoraSón 2018, coa Banda da Loba e Sonia Lebedynski 

Sonia Lebedynski presenta o seu primeiro disco en solitario "Deserto de centos" no Ágora
6
Sonia Lebedynski

Tras tras dous anos rodando coa xira “Deserto de centos” Sonia Lebedynski presenta por fin na Coruña, no Centro Ágora, o seu primeiro disco en solitario.

O fará Vestida cun deseño de Mónica Vigo que presenta a súa colección o día seguinte en Padrón a quen sente agradecida así como á Concellería de Culturas por esta oportunidade. Para Sonia, galardonada co Premio Martín Códax 2017"a música en galego é a maneira mais natural de normalizar a lingua".

SONIA LEBEDYNSKI e ‘Deserto de centos’

Sonia bota a andar a súa carreira en solitario con ‘Deserto de centos’ logo de ser a ‘front woman’ de Fía na Roca e colaborar en múltiples iniciativas musicais. Estamos diante dun disco de autora -forneado xunto co brasileiro Sérgio Tannus- que é resultado de todas as músicas das que foi bebendo ao longo súa traxectoria musical e vital: trad, folc, funk, pop, música brasileira…

 

 

‘Deserto de centos’ é unha viaxe iniciática cara a un horizonte por descubrir. É o sedimento das músicas escoitadas e cantadas, dos proxectos dos que fixo parte, das persoas e dos lugares que coñeceu, dos versos que leu e que escribiu. Aí está todo o seu universo sonoro e vital. Unha aposta atrevida e moi persoal, que estará acompañada en directo por unha magnífica banda, con Sérgio Tannus (dirección musical e cordas), Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono), José Manuel Díaz (baixo), Manuel Paino (trompeta) e Jose Luis Miranda (trombón). Ademais de Sérgio Tannus na dirección musical, en ‘Deserto de centos’ colaboraron na parte creativa moitos nomes destacados da música galega, como Xosé Lois Romero, Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada, en letras, músicas e arranxos.

A traxectoria de SONIA LEBEDYNSKI

O seu contacto coa música comeza sendo moi nova da man da man do seu pai de quen aprende as súas primeiras cancións. Iníciase na música tradicional galega e o folc. Con trece anos era a voz solista de Vai-te embora!, a súa primeira formación. Ten contacto con proxectos musicais doutros xéneros como o funk.

A súa versatilidade interpretativa lévaa a formar parte de propostas musicais moi diversas. Ten colaborado en múltiples proxectos como Son Delas, Ball Cans, Sete Saias, Voces na Musa, Asociación Cultural Barbantía, Conservatorio Tradicional e Folque de Lalín, Sereas e participado nos traballos discográficos de Fía na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asoc. Galega de Gaiteiros Galegos, Brañas Folk, Enrique Paisal ou Sergio Tannus.

Moi vencellada á creación de música para xente miúda colaborou coa Asoc. de Gaiteiros Galegos no libro disco Pelo Gato. No ano 2015 colaborou nos proxectos de música infantil Non hai berce como o colo editado por Kalandraka e Alegría da editorial Galaxia, ademais de O tempo dos xogos, editado polo mesmo selo, cuxos autores son da Escola de Música de Boiro, á que sempre estivo moi vencellada desde a súa creación. Participou no filme do grupo canadiano “La Bottine Souriante” sobre a súa xira europea.

Ao longo de dez anos foi a voz de Fía na Roca. É mestra da ensino primario especialista en educación musical e pedagoga. Ten colaborado coa Escola de Música de Boiro no seu programa de alfabetización musical para maiores.

 

 

SONIA LEBEDYNSKI en directo

Sonia Lebedynski estará acompañada en directo por unha magnífica banda de gran formato, con sección de metais e un son potente e arriscado. Está formada por: Sérgio Tannus (direción musical e cordas), Jose Manuel Díaz (Baixo), Carlos Freire (percusións), Roberto Comesaña (piano e acordeón), Manuel Paino (trompeta), Martiño Domínguez (saxo tenor e barítono) e Jose Luis Miranda (trombón).

AgoraSón 2018

 

Os convites repartiranse (até esgotárense), ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais (agás na Biblioteca Infantil, por se tratar dunha actividade dirixida a público adulto) para os levar en préstamo. Comezaranse a repartir o 8 de outubro, no horario de apertura de cada unha das bibliotecas municipais.

Co fin de promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2018, con dous grupos convidados, A Banda da Loba e Sonia Lebedynski

 

Sonia Lebedynski presenta o seu primeiro disco en solitario "Deserto de centos" no Ágora